Un experto a nivel mundial estará nas xornadas formativas do xeoparque de Ortegal

O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal segue camiñando para converterse nunha realidade cunhas xornadas formativas que se desenvolverán esta fin de semana e que terán como prato forte a presenza do portugués Artur Agostinho de Abreu e Sá, xeólogo e unha das autoridades mundiais en materia de xeoparques. 

Entre outros cargos, Artur Agostinho de Abreu foi responsable da candidatura de Arouca Xeoparque Mundial da UNESCO e co-responsable da candidatura de Terras de Cavaleiros Xeoparque Mundial da UNESCO. Actualmente desempeña función de Coordinador da Cátedra UNESCO EN "Geoparques, Desenvolvimento Regional Sustentável e Estilos de Vida Saudável" na UTAD e é Presidente do Comité Português do Programa Internacional de Geociências da UNESCO (IGCP-UNESCO).

As xornadas teñen como finalidade dar a coñecer o proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal tanto a poboación como a todos os entes interesados, pero facendo fincapé na implicación dos axentes locais: concellos, Xunta de Galicia, asociacións locais, universidade, comunidade educativa, entre outros. O obxectivo é facer chegar a toda a poboación tanto o proxecto como o procedemento de implementación, no que destaca a creación dun plan de turismo sustentable, unha investigación profunda do territorio e un modelo educativo que realce os valores biolóxicos, xeolóxicos e culturais do territorio.

As xornadas vanse realizar durante tres días. O 31 de maio, venres, pola tarde, terán lugar no auditorio da casa da cultura de Cariño, na que o co-coordinador desta actividade e avaliador da UNESCO para o programa de xeoparques, Asier Hilario, encargarase da apertura das mesmas cunha ponencia marco sobre o papel sustentable e innovador dos xeoparques. Continúan na tarde do venres o xeólogo Fran Canosa, cunha charla sobre os principais valores xeolóxicos, biolóxicos e culturais do territorio, e pecha o técnico de desenvolvemento local do concello de San Sadurniño, Ignacio Fernández que fará fincapé na posta en valor e no impacto do tecido económico e social que terá o proxecto de xeoparque.

O sábado a actividade trasládase ao teatro da Beneficencia de Ortigueira con sesión de mañá e tarde. Abre as xornadas o prestixioso científico e avaliador da UNESCO Artur Agostinho de Abreu e Sá, que explicará a rede de xeoparques mundiais da UNESCO e a xestión do xeoparque de Arouca. Continúa Asier Hilario co exemplo de xestión do xeoparque de Costa Vasca e pecha Martín Alemparte, coordinador do xeoparque Montañas do Courel, que ven de recibir a distinción da UNESCO neste mesmo ano.

O serán está dedicado a levar a cabo tres mesas de traballo que versarán sobre modelos de xestión, ciencia e biodiversidade e xeoturismo e educación. O obxectivo é manter dinámicas participativas temáticas con axentes do territorio para, por unha banda facer partícipe aos actores do territorio e, por outra, obter un estado da cuestión sacando as liñas de traballo imprescindibles no desenvolvemento do proxecto de xeoparque.

Para rematar este intenso fin de semana, o domingo 2 de xuño realizarase unha visita guiada polo territorio co obxectivo de debater sobre os recursos así como ver as necesidades de mellora e a articulación de infraestruturas. A visita comeza diante do concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña fletará un bus para o desprazamento entre os diferentes puntos que o xeólogo Fran Canosa percorrerá cos asistentes.

A asistencia ás xornadas é gratuíta, recomendando unha inscrición previa no seguinte formulario: http://bit.ly/IXornadaXeoparque