Restaurante Alvariñas, 25 Anos de Autenticidade


A mellor opción para gozar da cociña do mar en Combarro é o Restaurante Alvariñas. Abría as súas portas en abril do ano 1994 e desde aquelas datas, 25 anos despois, os irmáns Jaime e Carlos Alvariñas seguen fieis á súa filosofía inicial, satisfacendo aos padais máis esixentes no día a día, mantendo en todo momento unha regularidade abraiante que ten como principal argumento o produto de primeira calidade e de proximidade. 

Desde os seus comezos foi unha referencia gastronómica na Ría de Pontevedra, o seu bo facer conquistou á clientela de aquí e de alá e o nome do Alvariñas foi traspasando fronteiras nacionais e ata internacionais. 

Proba diso son os moitos persoeiros que ao longo destes anos pasaron por este emblemático establecemento, aínda que o “director de cerimonias” Jaime, (gusta máis Carlos de estar no contiguo O Peirao) sempre subliña que “para min todos os clientes son iguais, todos merecen o máximo respecto e as mellores atencións”. 

Gloriosas caldeiradas de peixe, especialmente a de pescada (a peixota, que dicimos nestas latitudes) e mariscos con carné de identidade como as cigalas á prancha, pero cigalas de 500-600 gr./peza, ou navallas XXL (tamaño sobrenatural); o rodaballo ao forno ou as vieiras de Cambados ao máis puro estilo Alvariñas, receita propia. 

Estes son algúns dos bocados estrela nunha carta na que, na terraza da taberna, non faltan os mexillóns ao vapor ou os berberechos, nin as carnes; unha carta baseada na cociña tradicional con chiscadelas á modernidade pero sen perder a esencia das raíces e co produto de proximidade como referencia; e, sobre todo, cunha posta en escena e un servizo esmerado e profesional na sala do que xa non queda (trinchado, desespiñado, flambeado, degüelle botella,...). 

Sempre produtos de tempada, os escabeches fríos e quentes, o San Martiño e outros peixes para delicia dos comensais, daqueles que de verdade aprecian o produto. 

Os sabores de Galicia no prato. Aquí predomina a cociña de produto actualizada, a cociña burguesa, tipicidade e modernidade en harmoniosa parella de feito. 

Ademais dunha ampla adega, con predominancia de etiquetas das denominacións galegas, pero sen obviar as mellores botellas do mundo -é posible atopar un Pétrus nesta casa-, os postres son estritamente caseiros, cociñados con mimo e paciencia coa escola da nai; os destilados de primeirísima calidade, xenerosos de referencia ou tisanas, tés e cafés que poñen broche dourado a unha longa e gozosa sobremesa. 

Do conxunto forma parte a Taberna Leucoiña, o que antes era A Taberna de Alvariñas, unha taberna típica e tradicional mariñeira de tendencia gastro-popular, pero coa calidade que abandeira a casa e cunha exclusiva terraza exterior entre hórreos e sobre o mar. A mesma calidade de produto que no restaurante pero nun ambiente máis informal e distendido. 

Na parte superior está o restaurante Alvariñas que, á súa vez, divídese en dous espazos diferentes. A sala Colón, que recrea o camarote dun barco, homenaxe aos ilustres navegantes galegos, especialmente ao Descubridor, e que está concibido como un gastrobar, polo menos conceptualmente, aínda que tanto continente como contido superan o concepto. 

E queda a parte reservada, un coqueto comedor nunha galería acristalada que dá a sensación ao comensal de atoparse no medio da ría, nas augas atlánticas que a esta terra chegan mansiñas. O goce palatal, visual e emocional está asegurado nesta vila Conxunto Histórico-Artístico e BIC, un dos destinos turísticos máis visitados de Galicia.