Quiroga rende homenaxe aos seus aceites

Este domingo 12 de maio celebrarase a A 19ª Mostra do Aceite de Quiroga, declarada de Interese Turístico Galego, con actividades centradas neste produto como demostracións do traballo no muíño e catas de aceite.

A xornada comezará ás 11:30 horas coa posta en funcionamento do Muíño de Bendilló e o comezo da demostración da elaboración de aceite tradicional, que se estenderá durante todo o día. De seguido, terá lugar a actuación de música tradicional co grupo de Gaitas ‘O Recanto’ no recinto da feira. Ás 12:00 horas, será a cata comentada dos aceites participantes na mostra, no interior da Capela das Farrapas. Posteriormente, haberá máis actuacións de danza e música tradicional galega. No recinto da mostra haberá exposición e venta de produtos locais da zona.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro foron os encargados de presentar a mostra, destacando dende o organismo provincial que "apostamos pola colaboración con estas iniciativas, xa que contribúen ao impulso dos produtos autóctonos únicos dos Concellos da nosa provincia, axudando aos produtores agrícolas deste singular aceite de oliva artesán, dinamizando a economía local e potenciando o turismo gastronómico cada vez máis en alza”.

O aceite de Quiroga é un dos óleos máis tradicionais da provincia de Lugo. A súa produción artesanal, que conta con séculos de historia e procede en boa parte das centenarias oliveiras plantadas polos romanos cando estaban asentados en Galicia e extraían ouro do río Sil neste val.

O seu especial sabor, cor e aroma, moi apreciado polos consumidores, fan deste aceite artesanal un produto delicatessen capaz de acadar altos prezos no mercado pola súa altísima demanda.