Primeira edición do Ruarte Fest no barrio do Orzán

O vindeiro 19 de maio se celebrará a primeira edición do Ruarte Fest con 24 artistas locais para que pinten as súas propostas en diversos espazos cedidos no barrio do Orzán. A acción, que se encadra no programa municipal Ruarte para a recuperación do espazo público degradado da cidade a través de accións artísticas, reúne a tradición dun barrio con moita arte urbana e a demanda veciñal de mellorar a calidade do espazo público nunha xornada festiva na que se os e as artistas participantes realizarán as súas obras entre as 08.00 e as 20.00 horas. A xornada coincide coa chegada do plan especial de limpeza de pintadas, do que forma parte Ruarte, para abordar nas vindeiras semanas as peticións realizadas na contorna do barrio do Orzán.

A Concellería de Medio Ambiente, responsable do proxecto, manterá aberto o prazo ata o vindeiro martes para as comunidades veciñais e persoas propietarias de comercios e hostalería que queiran anotarse para participar no festival e ceder un espazo, co obxectivo de dar cabida a todas e todos os artistas inscritos, que chegan ata os 50. As propostas artísticas que non sexan escollidas para esta edición, teranse en conta para vindeiras accións de recuperación de espazos a través da arte. As bases do programa e os formularios para anotarse poden atoparse na páxina web http://ruarte.coruna.gal. As zonas prioritarias de actuación son os espazos situados nas zonas peonís de rúa Orzán, travesía Cormelana, rúa Picos, rúa Mariñas, rúa Vista, praza da Cormelana, rúa Perillana, praza Sellier e rúa Pastoriza, así como aqueles negocios, establecementos ou comunidades de veciños e veciñas que se inscriban de forma grupal cun artista. A participación é de balde para as persoas propietarias e as e os artistas contarán cunha axuda de 200 euros para compra do material preciso para os murais. Os tres máis valorados por un xurado -que estará composto por persoal da Concellería de Medio Ambiente, persoal docente de Arte e veciñanza- recibirán premios de 800, 500 e 300 euros.

O festival contará cun espazo de actividades infantís, que terá obradoiros de iniciación á arte urbana, que estará situado na praza Sellier a partir das 11.00 horas e que non require inscrición previa.