Preto de medio cento de adegas e colleiteiros danse cita na Feira do Viño do Ribeiro

Preto de medio cento de adegas e colleiteiros participan na 56 edición da Feira do Viño do Ribeiro que se celebra ata o domingo en Ribadavia. O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu a inauguración da feira, onde salientou que esta comarca vinícola é capaz de producir “viños dunha calidade equiparable á de calquera das zonas de produción de calidade do mundo”, dixo o conselleiro. Nesta edición que rematará este domingo participan preto de medio cento de adegas e colleiteiros.

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo presidente do consello regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Casares, incidiu na aposta desta denominación polas variedades autóctonas galegas para elaborar caldos de calidade como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural en xeral e da zona do Ribeiro en particular. 

Así, o conselleiro puxo en valor o traballo dos produtores da zona e do propio consello regulador e felicitounos por ser capaces de conseguir un recoñecemento ao seu traballo e reflectir o potencial dos produtos que ten a DO Ribeiro. Neste senso, José González salientou que é necesario seguir apostando pola promoción dos viños galegos e matizou que “é vital para o noso viño transportar este potencial ao exterior”. 

Pola súa banda, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, fixo fincapé no momento crítico que o mundo rural vive en España e por iso pediu que “debe ser tratado coma unha cuestión de estado a nivel nacional, e como compromiso de país en Galicia”.

Segundo Juan Casares, en Galicia, unha estratexia clara e o compromiso de todos os axentes políticos e sociais son fundamentais para “deseñar un “Plan de acción rural” comprometido, realista, integral e eficiente; unha aposta decidida pola súa conservación deseñada de xeito transversal, é dicir interdepartamental.”. 

Para Juan Casares dito plan debe implementar medidas ligadas ás potencialidades de cada zona, “debemos potenciar as actividades que permitan a súa conversión nun espazo de oportunidades económicas sostibles que xeren riqueza local e fixen poboación á terra e iso pasa sempre por coñecer as posibilidades de cada zona.” 

Na súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro subliñou o papel fundamental que desenvolve o Consello Regulador do Ribeiro, “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico.”. Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, “o Ribeiro precisa fotos con texto, é dicir require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio claro da Deputación Provincial de Ourense.”.
Neste sentido anunciou que convocará unha “Mesa polo Ribeiro” co gallo de impulsar as medidas que deriven dese estudio, “todos os nosos esforzos teranse que encamiñar a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un escaparate da provincia de Ourense no mundo.”