O Portamérica 2019 quenta motores

O festival PortAmeríca presentouse oficialmente este martes en Pontevedra, desgranando o completo amplo gastronómico e musical que lavá a Caldas de Reis entre o 4 e o 6 de xullo. 

A presentación contou coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Turismo, Santos Héctor, do alcalde de Caldas, do Director de Agadic, do chef Pepe Solla, e de promotoras e patrocinadoras, que acudiron a apoiar o primeiro dos #RíasBaixasFest deste ano. 

A presidenta do organismo provincial sinalou que "estamos ante un festival único no mundo, un dos festivais máis consolidados das Rías Baixas no que se combina a perfección a música e a gastronomía de calidade e que permite crear experiencias inesquecibles para o público". Silva que enxalzou "o cartelazo que temos este ano que, amais, ten un 33% de mulleres o que lle converte nun dos festivais máis igualitarios", animouse a dicir que "non me ides a sacar de Caldas", e agradeceu o esforzo das empresas patrocinadoras e promotoras "porque PortAmérica mostra que a industria musical xera actividade económica, riqueza e emprego". A presidenta da Deputación puxo tamén o aceno na importancia gastronómica do evento. "Están os e as máis grandes chefs da nosa provincia e doutros países. Falamos de gastronomía top co mellor produto do mundo", dixo Carmela Silva. 

Respecto á parte gastronómica, o chef Pepe Solla tamén asegurou que dende un punto de vista global "é o mellor festival do mundo", revelou que 30 cociñeiros e cociñeiras de varios países, varios "soles" Repsol, estarán en PortAmérica, que manterá o seu vínculo con América Latina coa presenza de chefs de Chile, Perú, Panamá, México e Colombia. 

No apartado musical, o festival traerá un completo programa no que destacan Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, La Casa Azul, Mon Laferte, Zahara e Sidecars, entre moitos máis.

Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela PortAmérica ten un impacto económico de preto de 2 millóns de euros, un retorno do investimento de ao redor de 2 euros por cada euro investido e un impacto comunicativo que se traduce en máis de 3 millóns de euros. PortAmérica, ao que a Deputación destina este ano máis de 90.000 euros, é o principal festival de música independente de Galicia e de música independente nacional con programación Iberoamericana. Ademais, é o único festival nacional con presenza en Latinoamérica, e o único festival galego que ten unha canle audiovisual propia.