O Ourenrock abre a tempada de festivais no interior de Galicia

Esta fin de semana tocará vibrar en Benposta, a antiga Ciudad de los Muchachos acolle un ano máis a celebración do festival Ourenrock Sound, con nomes como Boikot e La Pegatina como cabezas de cartel. 

Aínda que antes de afianzarse en Benposta a música comezará a soar no centro da cidade de Ourense, este xoves os xardínas do Padre Feijoo acollerán unha festa de benvida con entrada de balde que incluirá a actuación de Mekanoka Rolling Band. 

O venres será cando comece o festival propiamente dito coas actuacións de Boikot, Zoo, Sons of Aguirre & Scila, Bemba Saoco, Tegua e Mitocondrias; e o sábado subirán ao escenario de Benposta os grupos La Pegatina, Dakidarria, Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante, Rebelión do Inframundo e Cuarta Xusta. Ademáis haberá actividades paralelas como mercadillos, acampadas, talleres de artesanía, artísticos e de luthiers.

Como novidades destaca a aposta medioambiental que fai a organización nesta edición, mentres que o sistema de acceso será por medio de pulseiras electrónicas con microchip, que permitirá realizar pagos coa propia pulseira. Durante os dous días de concertos haberá autobuses cada media hora a Benposta, e ademais dos talleres e actividades paralelas o artista Abraham Cudeiro pintará un mural en directo.

Trátase dun evento apoiado pola deputación de Ourense como patrocinador principal. O presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, xa reivindicou a cuarta edición dun dos eventos que abre a tempada dos festivais musicais e que se ten consolidado "como un referente en Galicia", felicitando aos organizadores "polo esforzo titánico que fan ano tras ano para potenciar este festival", que considera "unha fonte económica e de dinamismo no ámbito do denominado "turismo de concertos".