O gando será protagonista na Raigame deste ano

Vilanova dos infantes dedicará este ano a súa XVIII romaría etnográfica "Raigame"ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando, e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. 

Un novo esforzo para converter o evento no "parque temático por excelencia da etnografía galega", como o definiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na súa presentación, na que estivo acompañado polo alcalde de Celanova, José Luis Ferro; e polo director da revista Raigame Xulio Fernández Senra, quen destacaron que nesta edición a Coral de Ruada será galardoada co premio "Adolfo Enríquez", polos seus cen anos de historia.

A Raigame celebrarse un ano máis o 17 de maio, día das letras galegas. Baltar destacou que a Deputación "potencia e innova" con este evento que reúne historia, cultura e etnografía, "e que nesta edición céntrase nas feiras de gando, que supuxeron un importante dinamismo social e para as economías familiares", destacando que o programa deste ano inclúe ás razas autóctonas de Galicia.

O presidente da Deputación desexou que novamente "sexan miles as persoas que se acheguen a Vilanova o 17 de maio para que esta festa etnográfica siga a ser un referente da nosa cultura", agradecendo ao Concello de Celanova e ao seu alcalde, José Luis Ferro, a Antonio Piñeiro, a Xulio Fernández Senra e a todas as persoas que fan posible Raigame "a súa implicación neste evento cultural con maiúsculas".

Xulio Fernández Senra explicou que se conseguiu que Raigame "vaia máis aló que o mesmo día de celebración", ao facerse realidade a exposición itinerante de fotografía e fotógrafos de Ourense, que percorrerá durante dous anos diferentes localidades da provincia, e José Luis Ferro agradeceu sinaladamente o apoio e participación dos veciños de Vilanova "para que un ano máis Raigame sexa o escaparate deste proxecto global de dinamización etnográfica".