O gando e a artesanía, protagonistas da Raigame

O día das letras galegas celebrouse como cada ano dun xeito moi especial en Vilanova dos Infantes (Celanova) coa XVIII Romaría Etnográfica Raigame, que dedicou esta edición ás feiras celebradas ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando.

Así, a vila acolleu unha representación dunha feira de gando, mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. O programa complementouse con teatro, exposicións, artesáns de oficios tradicionais e cultura popular e diversas actividades que situaron un ano máis a Vilanova como punto de encontro da etnografía galega.

Entre a gran multitude de persoas que acudiron á romaría estivo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que definiu o encontro como o "parque temático por excelencia da etnografía galega", valorando "moi positivamente" esta celebración "única en Galicia que ao celebrarse no Día das Nosas Letras outórgalle unha maior relevancia".

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense felicitou ao Concello de Celanova "por manter vivo este evento no que milleiros de persoas fan unha viaxe no tempo naqueles aspectos que máis teñen que ver coa nosa identidade", e destacou a "satisfacción" que supón poder "pasear e vivir esta experiencia que este ano se dedica ao mundo do gando, pero na que os artesáns continúan, en primeira liña, mostrando as súas habilidades en Vilanova dos Infantes, convertida hoxe nunha aventura vencellada ás nosas raíces".