O CRDO Ribeiro e Abanca renovan e melloran o convenio de colaboración


O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e Abanca renovaron un ano máis a súa colaboración cun novo convenio financeiro que medra con novas opcións de crédito para atender as demandas dos viticultores e adegas desta D.O.

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, e o director de zona de Abanca en Ourense Oeste, Carlos Díez, rubricaron un novo convenio que reafirma o compromiso da entidade financeira cun segmento básico da economía produtiva da comarca e cun sector estratéxico para Galicia.

O convenio pon a disposición dos integrantes desta denominación de orixe a oferta sectorial da entidade financieira para o sector vitivinícola en condicións melloradas. Un catálogo de produtos con alternativas de crédito que aborda especialmente algunhas das necesidades máis esenciais unha vez rematada a vendima. Así os viticultores, poderán acceder a unha conta de crédito para financiar os gastos abono, fertilizantes, poda e outras necesidades do día a día da actividade, cun prazo máximo de ata cinco anos o que supón un aforro importante en gastos de intervención notarial. 

Os membros da D.O. Ribeiro, tamén poderán acceder a préstamos específicos con prazos de amortización amplos e xuros baixos. A oferta complétase tamén con outros produtos como liñas de comercio exterior, financiamento a través de leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos.

Do mesmo xeito, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos agricultores e dar unha atención máis personalizada a este colectivo, ABANCA poñerá á súa disposición persoal especializado en xestión de seguros, quen asesorará das pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada asociado. O banco ofrecerá aos interesados seguros específicos para o sector como a Agroseguro, o seguro pymes-bodegas e responsabilidade civil, entre outros. Tamén se incorpora unha liña de financiación específica para seguros agrarios con prazo ata 12 meses.

Os produtores da D.O. Ribeiro tamén se beneficiarán das vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. Así mesmo, poderán desfrutar das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos.