Nova App sobre as 10 portas da Muralla de Lugo

O Concello de Lugo continúa innovando no turismo, ofrecendo unha nova aplicación móbil sobre as 10 portas da Muralla, aumentAR Lugo. Trátase dunha iniciativa para coñecer a cidade e a súa historia a través de realidade aumentada, con guías turísticos virtuais. Está dispoñible tanto para Android como para iOs, e atópase publicitada, para a súa descarga, nos sinais de cada porta.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto ao arqueólogo municipal, Enrique González, comprobaron o funcionamento desta aplicación esta mañá, nun percorrido pola Porta Miñá e a Porta de Santiago.

Así mesmo, a entidade local vén de lanzar novo material de difusión, deste caso da rede de museos municipais, das ventás arqueolóxicas, da Catedral e do Vello Cárcere, tanto en galego, como castelán, inglés, francés e alemán. Nestes folletos tamén se difunde esta nova aplicación.