Moeche liderará o proxecto do Xeoparque de Ortegal

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, será a nova presidenta do Consello de Dirección do Proxecto Xeoparque do cabo Ortegal, relevando no cargo ao alcalde de Cerdido, Benigno Galego.

Trátase dun relevo rotatorio acordado nunha reunión na que tamén se confirmou a celebración dunhas xornadas de difusión do proxecto os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño e a creación dun Consello Asesor.

Na reunión concretouse a organización dunhas xornadas sobre xeoparques que terán lugar no propio territorio do Cabo Ortegal e que terían como obxectivo principal a implicación do tecido asociativo e a poboación local no desenvolvemento desta iniciativa. No programa, ademais de explicar a dimensión do proxecto, presentaranse exemplos da xestión doutros xeoparques como Courel ou o da Costa Vasca ademais de artellar mesas de traballo de interese para a elaboración das bases do futuro plan director e a estratexia do proxecto. Tamén contará coa visita de avaliadores internacionais para potenciar a imaxe e a solidez desta iniciativa. O programa incluiría unha visita guiada polo territorio do Cabo Ortegal ademais de expor as propostas de sinalización, por parte dos concellos, dos lugares de especial interese xeolóxico e turístico do territorio.