Memoria de Antonio Fraguas, bondadoso sabio cotobadés

A lingua, a cultura material e espiritual dun país son activos imprescindibles para a configuración da humana biodiversidade e, ao tempo, factores de primeira orde capaces de axudar a xerar riqueza de seu. Factores de importancia capital, verbigracia no eido do turismo, que busca, cada vez máis, paisaxes, palabras, costumes, sabores ou expresións diferentes por auténticas e/ou identitarias.

Ao estudo e á difusión da cultura material e espiritual de Galicia, vale dicir tamén da lingua galega, esa irrenunciable riqueza colectiva, dedicou a súa vida don Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro-Cotobade-Pontevedra,1905 - Compostela, 1999), sabio coñecedor dos segredos da historia, a xeografía, a arte, a etnografía, a antropoloxía e o folklore, das máis xenuínas expresións do pobo 
ao longo do tempo. 

Bo e xeneroso, humilde e discreto, laborioso e perseverante, dono dunha infinita curiosidade por aprender, investigar e ensinar -como exemplar docente, ademais- e creador dun inmenso legado cultural, ao que a Real Academia Galega tivo a ben dedicar neste ano o Día das Letras Galegas.

COMPROMISO GALEGUISTA
Velaí unha figura senlleira das letras e da cultura galegas do século XX, de permanente compromiso galeguista e, como tal, inevitablemente represaliado logo do golpe belicoso de 1936 polos “imbéciles i escuros”. Asomara á mocidade ao abeiro da amizade con Castelao, profesor seu de debuxo, e andivera os camiños das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Sempre na docencia, no estudo da cultura material e espiritual de Galicia. No Museo do Pobo Galego, na Academia Galega, no Consello da Cultura e na difusión dos seus múltiples saberes en máis de trescentos libros, milleiros de artigos e centos de conferencias, configuradas pola palabra docta, precisa e ornada polos acaídos acentos populares, que en don Antonio Fraguas encontraron o acougo acolledor do colo amigo e fiel e a necesaria proxección como garantía de coñecemento e pervivencia no futuro. Del escribiu don Xosé Filgueira Valverde: “Fraguas soubo manter viva a experiencia dos anos de vida aldeá.

Poucos literatos galegos poderán aventallalo na autenticidade da súa expresión en lingua galega, oral ou escrita”. Corría o ano 1951 cando o mestre Fraguas ingresou na Real Academia Galega, algo desacougado por ocupar o lugar do seu admirado Castelao, co discurso Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán, “unhas cantas coplas que se cantaban -anotou- nas ruadas de Loureiro de Cotobade, onde temos recollido un importante cancioneiro”. Desacougado Fraguas polo honor recibido e porque, enfatizou, “quizais fora mellor deixar vacante o seu posto deica que outro artista coma el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira”. Respostoulle don Ramón Otero Pedrayo, quen amén dos saberes e méritos do novo académico, salientou a súa personalidade “por galego moderno e universal” e “dono dunha grande bondade”.

Desa bondade de don Antonio Fraguas, da súa cordialidade, falaron e escribiron moitos dos que o coñeceron e trataron. A punto de saír do prelo a edición XXXIX dos cadernos Ramón Piñeiro, no limiar de Luis Cochón adiántanse contidos: na primeira parte “catro achegas de singular galanura” de Carlos García Martínez, López-Casanova, Nélida Piñón, e Víctor F. Freixanes. Na segunda metade ata un total de 36 traballos -entre eles, de dous cotobadeses que trataron a Fraguas, Xosé Fortes e Guillermos Camposque “quixeran ser unnha carabeliña de cereixas do cedo, neste maio longo”.

Do seu talante xeneroso e humilde, do seu cabal compromiso ético coa vida, coa ciencia, coa docencia e con Galicia dan conta as biografías, a máis recente, Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia), da profesora e escritora cotobadesa Malores Villanueva. Abondaría namais esta breve declaración do mestre (que coa súa palabra e a súa obra traballou sempre “por e para Galicia”) a xeito de resumo vital: “Non me metín nunca con ninguén. Non teño reserva contra ninguén. Se algúns fixeron trangalladas contra min…se estou vivo, non me importa”.

PROFETA NA SÚA TERRA
Quen foi tamén Cronista Xeral de Galicia e recibiu discretamente numerosos recoñecementos e distincións, profeta na súa Terra, camiñou case todo o século XX e deixoulle a Galicia un legado magnífico, que xa forma parte do noso comunal patrimonio, ese que nos permite proxectarnos máis alá.

Naquel 1951, no seu discurso como novo académico falou don Antonio Fraguas da vida de Castelao como “a vida que viviu sempre para Galicia”. El situábase uns cantos chanzos por debaixo do “guieiro”, mais teño para min que nesta altura ben merece esa atribución. Porque Fraguas é tamén, o mesmo que el dixera de Castelao, “unha luz acesa nos infindos horizontes”. Luz que adorna as roseiras e os paxariños nas cantigas dun serán, poñamos onde o mundo se chama Cotobade. Velaí anacos do legado dun home sabio, humilde e bondadoso, que viu a luz no lugar de Insuela, terras pontevedresas de Loureiro de Cotobade, figura das letras e da cultura galegas. Antonio Fraguas, por sempre, honra de Galicia.

X. M. Palmeiro