Lorient prepárase para resoar coa música galega

Dende hai preto de cincuenta anos a localidade francesa de Lorient acolle o Festival Interceltique, un histórico encontro da cultura celta que este ano se dedica a Galicia e a súa música.

Unha cita que se celebrará entre o 1 e o 11 de agosto e que contará con máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. Así o explicou na súa presentación en París Lisardo Lombardía, director xeral do Intercéltico, quen estivo acompañado por Roberto Varela, conselleiro de Asuntos Culturais da Embaixada de España en París.

Nesta presentación confirmouse a presenza dalgúns dos nomes máis internacionais da música galega como Mercedes Peón, Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con novos artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Galicia contará, ademais, cunha carpa propia baixo a marca Galician Tunes, a través da que a Xunta apoia a proxección exterior da nosa música. Este espazo acollerá 55 concertos nos que participarán 15 intérpretes e agrupacións con máis de 300 músicos. O obxectivo é amosarlle ao público un amplo abano de formatos, estilos e tendencias que, a partir da música tradicional, percorren sonoridades diversas, ademais de ofrecer tamén unha serie de actividades complementarias como obradoiros sobre instrumentos, cantos de taberna e charangas.

Como complemento á actividade musical, Galicia fará gala en Lorient de todo o seu potencial como destino cultural e gastronómico a través dunha exposición, dunha programación audiovisual e doutras accións complementarias que reforzarán a presenza protagonista dos nosos grupos nesta 49ª edición do festival.

O Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade.