Gadis súmase ao Día das Letras Galegas

Supermercados Gadis reforza o seu vencello coa difusión da nosa literatura e lingua a través dun plan de accións pola celebración do Día das Letras Galegas, unha data moi especial para esta terra á que a compañía amosa o seu apoio. 

Neste 2019, Gadis rende homenaxe ó autor conmemorado o vindeiro 17 de maio. Antonio Fraguas (Cerdedo-Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), mestre universitario e escritor, contribuiu de forma resolutiva á apertura de coñecemento sobre a identidade e cultura galegas, o que o levou a dirixir o Museo do Pobo Galego e a ser membro do Seminario de Estudos Galegos. 

Co obxectivo de ensalzar o seu legado, Gadis da continuidade a unha acción coa que a compañía foi pioneira hai anos, convertendo as súas bolsas da compra nun instrumento de difusión cultural. Este ano, incluirán un fragmento dos textos de Antonio Fraguas en Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade, aínda que hai unha novidade: seguindo as pautas establecidas no seu plan de Responsabilidade Social Corporativa, as bolsas son de papel. Distribuiranse 60.000 unidades o 16 de maio. 

Tamén se repartirán 30.000 marcapáxinas cunha peza extraída de A Festa Popular en Galicia, outra obra de Antonio Fraguas. 

Tempo atrás, Gadis deu un paso máis co seu programa de defensa do patrimonio literario galego, respaldando os traballos de autores do pasado e tamén do presente. Fíxoo impulsando a edición de libros na nosa lingua. Nos derradeiros 15 anos regaláronse 300.000 exemplares distribuidos nos seus puntos de venda. 

Nesta ocasión, Gadis edita 30.000 libros de ‘Relatos da Ulloa’, unha antoloxía de 13 obras curtas de autores galegos que afonda nas raíces do universo literario da comarca da Ulloa. Este proxecto editorial do Instituto de Estudos Ulloáns está coordinado por Xulio Pardo de Neyra, filólogo e profesor da Universidade da Coruña (UDC), e a súa proposta vai dirixida tanto a un público xuvenil como adulto. Os libros de ‘Relatos da Ulloa’ regalaranse nos establecementos de Gadis de toda Galicia o día 16 de maio ata fin de existencias.