Feiraco invita a practicar a leitura no mes das Letras Galegas

A oitava edición do tradicional Certame de Microrrelatos que impulsa Feiraco para celebrar a festividade das Letras Galegas está xa en marcha ata o vindeiro 31 de maio. Este ano Feiraco ten programadas tamén outras accións conmemorativas pola festividade do 17 de maio como a campaña de animación á lectura “Practica a LEITura”, que sortea 20 exclusivos puffs; e a colaboración na VI Carreira Camiño das Letras, promovida pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura. 

Por oitavo ano consecutivo, Feiraco impulsa o seu xa tradicional Certame de Microrrelatos Letras Galegas 2019, incentivando a creación literaria e animando a todos os galegos maiores de 13 anos que queiran participar a compartir os seus relatos a través dunha aplicación que está dispoñible na páxina oficial Facebook/Feiracolacteos (https://www.facebook.com/Feiracolacteos/). 

Establécense dúas categorías: xuvenil (entre 13 e 18 anos) e adultos (a partires dos 19 anos). Para participar será necesario compartir na aplicación do concurso que está subida á web de Feiraco un relato orixinal, escrito en galego, que comezará coa frase "todo aconteceu unha noite de tronada…”, en homenaxe a Antón Fraguas, a quen este ano se lle dedica a festividade das Letras Galegas, e que non debe superar os 500 caracteres incluídos espazos e a frase inicial proposta. 

Pola súa banda, a Campaña “Practica a LEITura” vixente nas redes sociais de Feiraco ata o 2 de xuño, a acción busca animar a todos os públicos a Alimentar un Xeito de Ser a través da lectura. Por medio dun xogo de palabras, a campaña convida a unir os bos hábitos alimentarios de consumo de leite coa práctica saudable da lectura. 

Para optar a un dos 20 exclusivos e cómodos puffs, os consumidores terán que adquirir unha caixa de leite Feiraco de calquera variedade, facerse seguidor da páxina oficial de Feiraco en Facebook, acceder á App da promoción e, finalmente, subir unha fotografía da caixa de leite e do recibo de compra. 

Ademais, Feiraco participará tamén na tradicional Carreira Camiño das Letras, o 17 de maio, mediante o aporte de produtos lácteos que serán distribuídos entre os participantes que inicien a ruta no Pico Sacro e finalicen na Cidade da Cultura. 

A carreira, organizada por Xurdir en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura e Turismo, busca unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago.