Esforzo audiovisual para promocionar o Lugo Inédito

A deputación de Lugo vén de presentar o seu novo spot Lugo Inédito, que xunto cun documental e cinco microvídeos pretende contribuir á divulgación turística da provincia amosando unha selección dos máis de 30 lugares lucenses que son únicos no mundo

Este novo vídeo foi presentado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, que subliñou que “de cara a próxima tempada de verán, co vídeo Lugo Inédito en 7 idiomas, e os demais 6 vídeos dos nosos xeodestinos intensificamos a campaña Lugo Cambia para captar a atención de máis viaxeiros nacionais e estranxeiros e atraer máis turistas. Na provincia de Lugo, enuméranse máis dunha trintena de lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo. No vídeo Lugo Inédito amosamos unha selección deles como, por exemplo, a muralla de Lugo ou a Praia das Catedrais, entre outros”.

O vídeo Lugo Inédito e o resto de material audiovisual da campaña Lugo Cambia proxectarase na Feira de Turismo Expovacaciones en Bilbao na cal a Deputación estará, do 10 ao 12 de maio, cun stand propio. Co fin de que este audiovisual acade unha maior proxección internacional, editouse en 7 linguas: inglés, italiano, portugués, alemán, francés, galego, e castelán. Estes vídeos publicaranse na canle de Youtube da área de Turismo da Deputación de Lugo. A guía completa dos espazos de Lugo Inédito pódese consultar na web de Turismo da Deputación e serve de proposta e fío condutor para coñecer toda a provincia a través de elementos do seu patrimonio que a fan diferente.

O novo spot promocional Lugo Inédito contribúe á divulgación de 13 lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo: a muralla de Lugo, única no mundo que conserva íntegro o seu perímetro; a Praia das Catedrais, unha das mellores praias do mundo; a Serra do Courel, referente mundial de xeoloxía e recentemente declarado Xeoparque Mundial; A Ribeira Sacra, a maior concentración de románico rural de Europa; Lugo, a provincia española con máis quilómetros de Camiño de Santiago; San Pedro de Fiz de Hospital en O Incio, única igrexa de mármore do mundo; San Martiño de Mondoñedo, a catedral máis antiga de España; as pallozas dos Ancares, testemuñas dunha forma de vida única; o castro de Fazouro, único castro marítimo escavado no Cantábrico; Santa Eulalia de Bóveda; un dos grandes enigmas da arqueoloxía; o Souto da Retorta, un bosque con árbores xigantes; Ribeira Sacra, un viño de heroes; A fortaleza de Pambre, única fortaleza galega imbatible nas Revolucións Irmandiñas.

Con imaxes impactantes que amosan a gran beleza da provincia, o documental e os outros 5 microvídeos potencian os atractivos turísticos dos 4 xeodestinos da Ribeira Sacra, A Mariña, a Montaña e a Terra Chá e da provincia en xeral. Estes novos spots, que se atopan nas redes sociais oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal, no apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os lugares de interese turístico máis singulares e únicas da provincia co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes e coñezan lugares inéditos. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.