Corenta e oito turoperadores daranse cita en Turexpo Galicia


O IX Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2019, que se celebrará do 6 ao 9 de xuño, desenvolverá unha vez máis a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, a cal converterá de novo ao certame nunha importante plataforma de negocio para a oferta turística. 

No seu marco reuniranse 48 operadores turísticos, catro máis que na pasada edición, de España e doutros dez países con gran interese como emisores de turismo. Así, proceden de Alemaña, Brasil, EE.UU, Finlandia, Italia, Irlanda, Portugal, Rusia, Suecia e Suíza. 

Estes operadores internacionais e nacionais coñecerán a oferta de numerosas empresas do sector do turismo, a maioría galegas. Estas poderán mostrarlles detalladamente as súas propostas aos turoperadores co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos seus países de orixe. Será a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas partes, as cales terán lugar durante o primeiro día e medio do certame. 

Entre as preferencias para coñecer nestes encontros, a maioría de turoperadores destacan hoteis e propostas tanto de ocio e cultura como gastronómicas, ademais de axencias de viaxes, maioristas e empresas de servizos. Tamén resulta de interese para moitos deles establecer contacto con spas e balnearios, compañías de transporte e empresas de turismo rural e activo. 

A Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia conta por primeira vez, e cunha presenza importante, con turoperadores especializados en natureza e tamén específicos de sendeirismo a pé ou en bicicleta. Son operadores tanto nacionais como internacionais. 

Así mesmo, nesta edición destacan tamén algúns operadores centrados en experiencias singulares, un tipo de turismo máis selectivo pero de gran interese para a oferta galega. 

Esta Bolsa de Contratación da feira Turexpo Galicia, que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, será así unha vez máis un espazo de referencia para o sector turístico galego. 

A estas mesas de negocio engadirase o venres día 7 pola tarde e o sábado 8 durante todo o día unha viaxe de familiarización que levará a Lugo e a Mariña Lucense a máis de trinta deste turoperadores participantes na Bolsa.