Catro novas incorporacións a rede REMA

A reunión do consello da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, REMA, celebrada na Fábrica de Sel de Muros concluíu coa incorporación de catro novos membros á rede. O Museo ANFACO da Industria Conserveira, o Museo de Historia Natural de Ferrol, o Museo Mares de Cedeira e a Torre de Hércules xa forman parte da Rede REMA. 

Con estas novas incorporacións, REMA conta con quince espazos en Galicia e un centro portugués: o Museu Marítimo de Ílhavo. Ademais, durante esta xuntanza valorouse de xeito moi positivo todas as mostras interese recibidas por parte dos museos que desexan pertencer a esta rede atlántica. 

Os responsables do órgano reitor de REMA acordaron abrir un novo prazo para a recepción de solicitudes de novos museos na rede. Todos aqueles espazos que teñan vinculación co mar e poñan en valor a identidade mariñeira dos seus territorios poderán enviar a súa solicitude de adhesión antes do vindeiro 30 de xuño. 

Plan de actuación 

Ademais das novas adhesións, durante esta reunión o consello aprobou a posta en marcha dunha exposición itinerante para amosar os principais recursos dos museos que forman parte da rede e achegalos ao público. Así mesmo, realizouse a presentación do espazo web da rede: https://www.redrema.eu/

A rede REMA forma parte de Morada Atlántica, un proxecto de cooperación interterritorial e transnacional cuxa primeira fase foi promovida polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte e Costa Sostible. A segunda fase achegouse ao resto de Galicia ao contar co apoio dos GALP restantes, axudando así a fortalecer os lazos de unión entre estes espazos divulgativos e potenciar o intercambio de coñecemento entre os mesmos. 

O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).