Carlos Blanco colocará hoxe a súa estrela no Torreiro de Cans e recibirá o Premio Pedigree'19

Hoxe, na Noite das Homenaxes no Torreiro do festival de Cans, ás 22h30, o actor Carlos Blanco colocará a súa estrela no Torreiro e recibirá o Premio Pedigree'19, o máximo galardón do Festival de Cans, en recoñecemento pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación e seu apoio as novas e novos cineastas. 

El non será o único homenaxeado. A actriz e presentadora Nieves Rodríguez e os veciños Paz Acuña e Rafa González recibirán os Chimpíns de Prata ‘Pepe Puime'. Tamén se entregará o novo premio Chimpín de Prata ‘Divina Campos’ - en honra á nosa finada veciña de Cans- á xornalista Pilar Comesaña por axudar e dar a coñecer ao festival nos medios de comunicación. Esta Noita das homenaxes tamén acollerá a estrea de Quince primaveras, o making of feito pola realizadora Isaura Docampo sobre a edición do Festival de Cans de 2018.

Ao final da Noite das homenaxes, o Torreiro acollerá o esperado concerto de The Legendary Tigerman, que fará en Cans a súa única parada en Galicia na súa xira internacional, para presentar o seu séptimo y último disco Misfit. Os seus seguidores e seguidoras poderán ademais asistir á estrea en España da película Fade into nothing, do director Pedro Maia e guionizada, musicada e protagonizada polo propio Paulo Furtado ‘Tigerman’, que estará no Baixo de Bugarín para presentar o filme. Antes, ás 20h30 no Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia, terá lugar outro momento especial coa actuación de Marlango, grupo liderado pola actriz e cantante Leonor Watling e o músico Alejandro Pelayo, que interpretarán as cancións evocadoras e visuais do seu último disco Technicolor. Para este concerto é necesario retirar pulseira previamente no posto de merchandising a partir das 18h30. 














Encontros do venres 

O Festival de Cans intenta servir de escaparate para o cinema que se está facendo e pensando como mostran as seccións: A que andas? e Fillas e Fillos de Cans. No primeiro encontro, que se celebrará no Baixo de Moncho ás 13h00, contamos coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas para abordar cos seus autores e autoras o guións dos próximos filmes de Álvaro Gago (Algo parecido á felicidade), Andrés Goteira (STARMUCKS. A pequena variación), Chelo Loureiro e Lúa Testa (Valentina), Víctor Duplá e Diana Toucedo (A leituga) e o director catalán Juanjo Giménez (Tres). Por outra banda, en Fillos e fillas de Cans serán as e os cineastas quen presenten os novos proxectos nos que están traballando e nos deixen ver uns minutos inéditos das súas pezas. No Baixo de Moncho ás 16h30 estarán con nós Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón (do documental Vivir dúas veces, coa presenza do seu protagonista, o político Xosé Manuel Beiras); Paula Cons (El Santa Isabel), Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?), Fon Cortizo (9 Fugas) e Roi Fernández (Ursúas). Tamén contaremos coa presenza especial nesta sección do director alemán Hannes Stöhr que nos amosará unha pequena parte da súa próxima película No bosque.

Stöhr protagonizará na mañá do venres ás 10h00 o coloquio do Café con CREA, en colaboración Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización, acompañado dos directores Fon Cortizo e Jorge Coira. Completan esta serie de encontros con profesionais do audiovisual o terceiro dos Coloquios AISGE “Vinte anos de Mareas Vivas” no que estarán Miguel de Lira, Isabel Blanco, Víctor Mosqueira e Camila Bossa; e o terceiro encontro da actividade “Oficios invisibles” en Cans do Futuro (realizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) coa directora e montadora Diana Toucedo. 











E ademais...

Entre o resto da programación do Festival de Cans para mañá venres destaca a inauguración da exposición das viñetas máis cinematográficas de "O Bichero" do debuxante Luis Davila. Tamén se iniciarán as actividades de MiniCans, a programación infantil do Festival, co obradoiro “Da imaxinación á pantalla”, ofrecido pola Obra Social La Caixa no marco da súa iniciativa Participa Méliès. Nel, a rapazada realizará curtametraxes con efectos especiais sinxelos. Tamén se realizarán as proxeccións das pezas finalistas do Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias” ás 17h30 no Baixo de Carlos, ligado a esta actividade terá lugar no Parque do Río as actuacións de hip-hop do proxecto “Xénero/Versos”, onde se interpretarán parte das bandas sonoras das curtas participantes, que serán editadas ademais co apoio da Fundación SGAE. Esta actividade está impulsada polo Concello do Porriño e nela participaron máis de 250 estudantes da ESO dos catro institutos do municipio. Completan o programa o desfile de chimpíns das 22h00 acompañado da música da Treboada da Muimenta e a Sesión Discochimpín BFlecha en formato DJ Set á 01h30 no Torreiro.