Carballo segue a derrubar muros con pintura

O Rexenera Fest de Carballo chega a 5º edición xa como referente mundial de arte urbana. Trátase dun acontecemento que pon a Carballo no epicentro da cultura global. Cita de referencia, de vangarda, con selo municipal (como o Carballo Interplay), algo moi difícil de atopar ao longo do país. 

Un xeito, ademais, de humanizar a vila a base de cultura, facendo de Carballo un gran museo ao aire libre. Do 27 de maio ao 9 de xuño (amplíase dunha semana a 15 días) o festival de arte urbana Rexenera Fest acolle artistas de China, Arxentina, Italia, Valencia ou Ordes para mudar a vila a golpe de brocha e spray, convertindo edificios de cemento, en perfectos lenzos. 

O Festival, que recolle o sentido do proxecto Derrubando muros con pintura volve cunha marea de actividades gratuítas que van de seminarios a clases maxistrais, microconferencias, música en directo, actividades para nen@s, rutas ou a posibilidade de ver día a día o traballo dos creadores. 

Os artistas principais acturarán pola vila. Millo (Italia) aínda ten por decidir o espazo; SATR (China) pintará na Avenida da Cristina; Pichiavo (Valencia) na Rúa Luís Calvo; Marina Capdevila (Barcelona) na Avenida de Bergantiños; Lidia Cao (Ordes) na Rúa Vila de Negreira e Milu Correch (Arxentina) onde o Fórum Carballo.