
Na presentación desta proba, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou o rallye "reflicte a capacidade organizativa de Escudaría Ourense e supón un escaparate inmellorable para amosar a riqueza paisaxística dos nove concellos polos que este ano discorre a proba.
"Todo elo suporá un magnífico exemplo dun rallye perfectamente organizado que conta co apoio das administracións, e así vai seguir sendo, pois a Deputación de Ourense aproba ano tras ano unha achega económica en función da edición que corresponde: esta ano son 52.000 euros, o vindeiro ano serán 53.000 euros, e así se irá incrementando en todas as edicións dunha proba acreditada polo grande impacto mediático, económico e promocional –estímase un retorno económico duns dez millóns de euros-, nunha provincia que é referente no ámbito do automobilismo".
O presidente do goberno provincial salientou o Memorial "Estanislao Reverter", denominado "OurenseTermal", e felicitou aos organizadores polo premio "José Luis Outeiriño", "ningún máis merecido que este", que se instaura nesta edición para galardoar ao mellor piloto ourensán desta proba. Tamén reivindicou o peso do Rallye de Ourense como estandarte que é do deporte na provincia de Ourense, "nunha semana na que desapareceu Niki Lauda, tres veces campión do mundo, con orixes en Loña do Monte, Nogueira de Ramuín".
O acto de presentación contou, ademais do presidente Baltar, co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o presidente da Escudaría Ourense, Julio Bouzo; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, e o presidente da Federación Española de Automobilismo, Manuel Aviñó.