Axudas á apicultura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a orde do 13 de maio de 2019, pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan cun orzamento de 686.741 euros. Este ano rexístrase un aumento no presuposto destas subvencións do 14% respecto á convocatoria anterior, na que se chegou a máis de 1.454 apicultores a través de 14 expedientes aprobados. 

Isto é así porque esta orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. 

Estas axudas dispoñen de catro liñas diferentes. Así, os interesados poderán solicitar as achegas para asistencia técnica (só para colectivos), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola. No primeiro caso, será subvencionable a contratación de ata dous técnicos, un deles veterinario, para o servizo da asociación en cuestión. Nesa primeira liña de subvencións tamén se poderá financiar a organización de cursos e xornadas e a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. 

No que se refire á loita contra as enfermidades, inclúense tanto a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, como a sobrealimentación das colmeas e a renovación e purificación de cera. Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Por último, as medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría de raíñas. 

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva, baixo criterios pactados no seu momento co sector. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, a súa adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorará o feito de que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou sexan persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.