Avances na candidatura do xeodestino Costa da Morte como 'World Surfing Reserve'

Promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña, a candidatura do xeodestino Costa da Morte como 'World Surfing Reserve' dá pasos adiante  coa participación activa da comunidade surfista, os concellos do territorio e diversas entidades da comunidade local. A primeira fase remata neste mes de maio coa entrega da solicitude por parte da candidatura.

O Forum Carballo acolleu unha nova xuntanza do Grupo promotor do proxecto de Candidatura de Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf, impulsado pola Deputación da Coruña, e no que están involucradas na actualidade máis de 25 representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais.

Na reunión, a Comisión Operativa do proxecto deu conta aos membros da Xunta Xeral dos avances no proceso de candidatura dende a reunión celebrada o pasado 28 de abril, así como das accións programadas antes da entrega da carta de solicitude á ONG 'Save the Waves Coalition. A iniciativa busca asentar e promocionar o deporte no xeodestino Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas, que consiga sentar as bases para avanzar no artellamento dun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf.

Costa da Morte e a súa riqueza en torno ao surf, será un dos candidatos neste 2019 do programa World Surfing Reserve, da prestixiosa ONG californiana Save the Waves que, de prosperar, convertería a este territorio na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial.

A Deputación da Coruña, representada polo deputado de Turismo, Xosé Regueira, lidera un proxecto que aposta por cumprir os esixentes requirimentos para a declaración de Reserva Mundial do Surf da Costa da Morte que, nesta primeira fase do proxecto culminará neste mes de maio coa entrega dunha Carta de solicitude, tal e como marca o procedemento establecido por Save the Waves.

A solicitude será o resultado dun ambicioso traballo levado a cabo nos tres últimos meses e que, ademais de presentar dunha forma sintáctica os principais valores do territorio canto á calidade e consistencia das ondas, a identidade cultural e as características ambientais únicas do destino, amosará a capacidade de goberno e apoio local á declaración que, de ser outorgada, se traduza nunha adecuada xestión e coordinación da Reserva a longo prazo.

Con este obxectivo, durante estes meses téñense desenvolvido numerosas reunións para configurar un Grupo promotor da candidatura, no que están involucradas na actualidade máis de 25 persoas representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais.

Na recente reunión, a Comisión Operativa do Proxecto, presentou ao resto de membros da Xunta Xeral os avances dende a última reunión da totalidade do grupo, o pasado 28 de marzo. Entre outros puntos, a xuntanza acolleu a presentación dos spots e o documento co que se presentará a candidatura ademais de planificar a visita de Tony Butt, representante para Europa da entidade Save the Waves, que nos días 12 e 13 deste mes estará en Costa da Morte para coñecer de primeira man o territorio e explicar aos membros do Grupo Promotor as implicacións que ten a declaración dun territorio como Reserva Mundial de Surf.