As cervexeiras artesás galegas únense para crear unha “Rosa vermella”

Este sábado verá a luz a cervexa “Rosa Vermella”, creada con motivo do 8M por un grupo de cervexeiras galegas ou residentes en Galicia pertencentes á asociación Pink Boots Society como GalicianBrew, AleAlé ou Augas Santas. 

Trátase dunha Red IPA na que traballaron durante os primeiros meses do ano e que agora se presenta aproveitando o “Collaboration Brew Day” cunha pinchada simultánea en varios puntos de Galicia: en Coruña terá lugar ás 12:30 na Cervezoteca Malte e ás 20:00 na cervexería Caneca Furada, en Lugo ás 12:30 no Festival Arde Lúpulus e en Foz ás 21:00 na tenda de Productos Artesás A Ribeira. 

As cervexeiras detrás do proxecto aproveitarán para explicar un pouco máis polo miúdo cómo xorde a idea desta cervexa creada con motivo do 8m “para contribuir a visibilizar a presencia feminina no mundo da cervexa, rompendo co estereotipo do mestre cervexeiro habitual, e mais poñer en valor o seu papel histórico”. 

Os fondos conseguidos a través da venda da Rosa Vermella irán destinados a xestionar becas de formación para as asociadas.