A Xunta aposta pola eurorrexión

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, apostou este xoves pola creación dun eurodestino común no que se inclúa a Galicia e Portugal co obxectivo de contar cunha maior “potencia e atractivos nun mundo no que é preciso tecer confluencias” e dar continuidade ás colaboracións impulsadas nos últimos anos.

No marco do Foro de Turismo de Fronteira Europeo, organizado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, o conselleiro defendeu un destino que estaría baseado na riqueza patrimonial de ambas rexións, na complementariedade dos medios de transporte, na potencia dos recursos turísticos, no papel vertebrador do Camiño de Santiago e na vontade de colaboración das institucións. Unha vontade que segundo asegurou xa se ten demostrado coa implicación na redacción do decreto-lei que regula as accións relacionadas co Camiño de Santiago, no contacto permanente entre administracións ou en proxectos turísticos como Fazendo Caminho, Minho Navegable, Gerés-Xurés Dinámico ou Edit que se impulsan de forma conxunta entre Galicia e Portugal.
Ademais de poñer en valor as vías de colaboración co Goberno do país veciño, Román Rodríguez tamén enxalzou o valor patrimonial e cultural de Galicia e Portugal e destacou o papel vertebrador da Ruta Xacobea. “Tanto na rexión norte de Portugal como en Galicia contamos cun patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e paisaxístico de gran riqueza. Contamos con cidades nas que a tradición e a modernidade conviven sen ningún tipo de conflito”, explicou o conselleiro.

Durante a súa estancia na cidade de Braga, o conselleiro de Cultura e Turismo tamén participou na apertura de Expocidades, a mostra turística na que están presentes unha trintena de cidades e vilas do Eixo Atlántico. Ademais, Román Rodríguez mantivo un encontro co alcalde de Braga, Ricardo Río. Nesta xuntanza, os dous mandatarios abordaron o papel que xogará Braga no Xacobeo 21, así como a definición dunha programación cultural conxunta para Galicia e Portugal. O encontro enmárcase no obxectivo da Xunta de involucrar as institucións de todas as rexións polas que pasa o Camiño de Santiago na planificación das celebracións do vindeiro Ano Santo, un acontecemento que se presenta como unha oportunidade única de crecemento e desenvolvemento para Galicia como meta e para todos os pobos e vilas polos que transcorre a Ruta Xacobea.
Revitalización do Camiño Portugués

“Debemos seguir traballando para conseguir novas oportunidades de colaboración a aproveitar os recursos do noso territorio”, salientou Román Rodríguez. Un destes recursos é precisamente o Camiño Portugués, que durante o pasado ano foi o segundo máis frecuentado polos peregrinos. “O potencial do trazado portugués é innegable. No último lustro medrou máis dun 95% e o ano pasado foi percorrido por preto de 70.000 persoas”, precisou o titular de Cultura e Turismo. Ademais, o Camiño Portugués pola Costa, está sendo neste ano, por primeira vez, o terceiro trazado máis percorrido. En conxunto, estes dous camiños supoñen o 25% do total de peregrinos cos que conta o Camiño de Santiago.