A troita manda en Oroso esta fin da semana

Se pensamos no salmón como o rei dos ríos galegos, a troita será sen dúbida algunha a súa raíña, un manxar que celebrará a súa principal festa de exaltación esta fin de semana en Oroso, cun completo programa que integra degustacións, campionato de pesca, concertos...

A XXIII Festa da Troita volve como unha cita consolidada no calendario túristico, cumprindo xa dez anos dende que foi declarada Festa de Interese Turístico. Dende o concello contan con atraer un ano máis unhas 30.000 persoas para degustar a raíña dos nosos ríos.

O alcalde da vila, Manuel Mirás, asegura que "haberá música de día e de noite, artesanía, cultura, animación de rúa e actividades para todas as idades. No amplo programa deste ano, hai espazo como sempre para comer, rir, bailar, mercar produtos da zona e pasalo ben. Como non podía ser doutra maneira, as degustacións de troita e o tradicional xantar popular o domingo 12 de maio serán os pratos fortes da festa".

Entre o amplo programa da festa destacan as actuacións de coñecidas orquestras como a Panorama este venres día 10 ou a Olympus o sábado 11.