A provincia da Coruña acaparou focos na Feira Ibérica da Guarda

O espazo expositivo da Deputación da Coruña na Feira Ibérica da Guarda que se desenvolveu do 2 ao 5 de maio foi un dos máis visitados do recinto, con especial afluencia nos momentos en que se desenvolveron actividades e mostras co fin de atraer representantes do sector fundamentalmente no ámbito luso.

"Cumprimos co obxectivo que tiñamos como destino convidado de traer á Guarda unha mostra do que é o territorio, así como tamén a gastronomía da provincia". Así resume o deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira a participación da deputación, que organizou un completo programa de degustacións de produtos de calidade, demostracións e showcookings, promovendo unha variada oferta de interese turístico.

Ademais do deputado de Turismo, Xosé Regueira, participaron nos distintos actos da FIT o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, co deputado e concelleiro Antonio Leira, o alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.

Co obxectivo de promocionar a gastronomía contemporánea, a institución galega apostou por levar por primeira vez á Guarda ao colectivo "Coruña Cociña", que tivo unha presenza singular e exitosa no programa da FIT con presentacións e showcookings a cargo dos cociñeiros Chisco Jiménez, Álvaro Gantes, Pablo Pizarro, Tino Otero ou Antonio Amenedo.

Así mesmo, a maridaxe de produtos dos concellos do Camiño Inglés como as troitas de Oroso, as mostras das empanadas de Carballo, concello que tamén achegou pan de ovo e o seu tradicional pan, as troitas de Zas e os queixos da Capela e Moeche foron algúns dos outros produtos gastronómicos que se converteron en estrela da oferta do sector no amplo programa da feira.

Ademais, nos espazos reservados pola Deputación da Coruña animaron a oferta propostas como o asalto ao Castelo de Vimianzo, a olería de Buño ou a actividade artesanal das redeiras de Malpica. Os concellos de Moeche, A Capela, Malpica, Carballo, Ponteceso, Laxe, Oroso, Vimianzo e Camariñas tiveron, desta maneira, unha presenza activa no evento, protagonizando actividades específicas de preparación, degustación e mostra de produtos aínda que, a través da Deputación, difundíronse na Guarda a oferta da totalidade do territorio a través dos seis xeodestinos que conforman a estratexia promocional da área de Turismo da Deputación.

Xunto á programación de presentacións e propostas turísticas, a Deputación da Coruña tamén achegou á FIT un programa cultural con actividades relacionadas co contido do evento como a realización dun mural nas inmediacións da feira a carga de dous artistas locais carballeses, o espectáculo de maxia de Álex Louzao, os contacontos de Pedro Brandariz ou "Saaabor" de Fran Rei e Félix Rodríguez, dirixida por Avelino González.

"Ofrecemos tamén unha parte da dinamización da feira, cun programa diverso e intenso con actuacións e presentacións de todo tipo. Así, os asistentes á FIT tiveron a oportunidade de coñecer as nosas tradicións pero tamén os nosos produtos e empresas da terra. Eu creo que podemos marchar da Guarda satisfeitos e o papel da Coruña foi un papel singular e importante", destacou Regueira.