A imaxe de Antonio Fraguas chega ás bolsas de Vegalsa-Eroski

Por noveno ano consecutivo a compañía galega de distribución Vegalsa-Eroski únese á celebración das Letras Galegas cunha edición especial de bolsas e carteis que homenaxea neste caso a Antonio Fraguas. 

Desde este luns os Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski están distribuindo preto de 1,3 millóns de bolsas coa imaxe do erudito cotobadés, cunha iniciativa que foi presentada nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

“Un ano máis, encetamos a semana grande das Letras da man de Vegalsa-Eroski cunha importante homenaxe a Fraguas desde un dos ámbitos máis importantes para a promoción social do idioma: o socioeconómico, desde onde a figura do autor homenaxeado chegará aos fogares dos galegos e das galegas coa bolsa da compra”, destacou Valentín García. 

Canda el, participaron no acto a directora de Relacións Institucionais a directora de RSE, Comunicación e Área Cliente de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; o director da liña de Negocio Eroski/Center e hipermercados e gasolineiras Eroski, Florentino Vázquez; o director de Márketing, Julián Hernández; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e o representante da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Lino Lema.