
Durante a visita os viticultores puideron coñecer de primeira man o avance nos traballos realizados no marco do Programa de Selección Clonal que permitirá nos vindeiros anos poñer a disposición do sector galego material de vide certificado e con garantías tanto xenéticas coma sanitarias. Así mesmo, comprobaron a evolución do Programa de Recuperación de Variedades autóctonas ou de cultivo tradicional en Galicia encamiñado a estudar ata cinco variedades, como a Albilla do Avia ou a Zamarrica e proceder á súa inclusión no Rexistro de Variedades Comerciais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; todo isto como paso previo á posibilidade de utilizalas comercialmente.
Ademais, os responsables da Evega explicáronlles os avances nos traballos de deseño e posta a punto da AppFitoVit, unha aplicación móbil que permitirá a todos os viticultores e adegueiros de Galicia dispoñer dunha información fitosanitaria para o viñedo a tempo real. Esta acción insírese dentro das líñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.