A Estrada, dinastía culinaria do salmón

A Estrada leva moitas décadas de relación e vencellamento co rei do río, que sostén a súa propia historia nestas terras e que xa se converteu nunha obriga para degustadores e pescadores. Cando se albisca a primavera, o salmón comeza a remontar o río Ulla, que acolle os coutos salmoneiros galegos por excelencia, nun camiño cara este concello situado ao norte da provincia de Pontevedra –na bisbarra de Tabeirós-Terra de Montes- e na zona central de Galicia. 

A Festa do Salmón celébrase na Estrada dende o ano 1974 e o día grande desta cita gastronómica coincide sempre na terceira fin de semana de maio. Neste ano, que acada a 46ª edición, a xornada central está fixada para este domingo 19 de maio. 

É unha cita de referencia e prestixio no calendario gastronómico galego, que atrae a milleros de persoas que se achegan á vila para degustar este peixe que nace no río, migra aos mares e retorna á casa despois do Nadal. 

Declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013, supón a mellor ocasión para gozar das diferentes elaboracións, co salmón como principal ingrediente, que se preparan na Estrada. Presumen os estradenses de case un milleiro de maneiras de preparar o salmón. Sabendo que será imposible degustalas todas, abondará con algunhas delas: ao estilo da avoa, ao forno, en col, escabechado, recheo, á pementa, en brocheta, mariñado, en tartar… 

Ben en forma de tapas na concorrida ruta que se celebra ata este sábado con 28 establecementos participantes e 48 tapas diferentes, tamén en ración nos restaurantes do municipio ou ben na xenerosa degustación popular o día grande na Praza do Mercado, calquera momento e formato son bos para saborear elaboracións tradicionais ou propostas máis vangardistas. 

Así, con este protagonismo do salmón, fluvial e gastronómico, ábrese o gran ciclo festivo estradense, particularmente vencellado á natureza, que ten outro fito na primeira fin de semana de xullo co gallo da Rapa das Bestas de Sabucedo, unha ancestral celebración con preto de 500 anos de historia declarada de Interese Turístico Internacional.