A Xunta reivindica o traballo do CSHG

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu  na Cidade da Cultura a graduación dos preto de 70 alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) que recibiron os seus Diplomas Superiores en Xestión Hoteleira ou de Gastronomía e Xestión de Cociña.

Román Rodríguez aproveitou esta cita para recoñecer o traballo realizado polos profesionais do CSHG, un equipo composto por 60 persoas das cales 42 son docentes. “O equipo deste centro leva conseguido os máis altos estándares de calidade e profesionalidade”, afirmou antes de engadir que o paso dos alumnos por esta institución educativa será “un importante aval” de cara ao seu futuro laboral.

O conselleiro de Cultura e Turismo sostivo que a graduación tamén era importante para o turismo galego porque “sumamos ao sector preto de 70 novos profesionais polivalentes e perfectamente adaptados aos novos tempos grazas a unha ensinanza de calidade no Centro Superior de Hostelería de Galicia”.

Acompañando aos alumnos estaba Darío Villanueva, que exerceu como padriño da promoción. O ex presidente da Real Academia Española foi escollido por ocupar o posto de reitor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) cando se asinou o primeiro convenio de vinculación e comezou a impartirse o Diploma Superior en Xestión Hoteleira como título propio da USC.

Cómpre destacar que este ano o CSHG celebra o seu 25 aniversario. Unha data que, tal e como avanzou Román Rodríguez, “teremos a oportunidade de celebrar nuns días e neste mesmo espazo”.