25.000 persoas achegáronse a 56ª Feira do Viño do Ribeiro

As valoracións da edición recentemente rematada Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanzou a súa 56ª edición, despois de recoller e analizar os datos e as opinións dos axentes implicados no evento (en especial a das adegas e colleiteiros), e a organización do evento (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) é positivo, estiman que durante os tres días de duración do evento pasaron polo recinto unhas 25.000 persoas. 

Durante as actividades organizadas polo Concello de Ribadavia, polas catas e showcookings pasaron máis de 180 persoas para gozar dos viños seleccionados polo sumiller Guillermo Cruz e das propostas elaboradas polos cociñeiros Lucía Freitas, Alén Tarrío e Miguel Mosteiro. Pola súa parte, o RibeiroBUS rexistrou un cheo de ocupación en 7 das súas 8 viaxes, con máis de 155 viaxeiros en total, que mercaron a súa entrada para visitar os viñedos e as paisaxes, así como unha adega antiga do Ribeiro. 

Os resultados son de satisfacción e serven para avaliar positivamente a organización da FVR. A cantidade de visitantes que se achegaron ata Ribadavia para gozar da Feira do Viño do Ribeiro foi semellante á do ano anterior, contando aquela cun día máis de celebración. 

Tras intercambiar unha primeira impresión coas adegas e colleiteiros participantes, estes expresaron a súa satisfacción co desenvolvemento do evento e a súa valoración foi excelente, dende o punto de vista tanto dos servizos, funcionamento da feira e de actividades ofertadas, destacando a gran cantidade de público que visitou o recinto durante a xornada do sábado, axudada polas boas condicións climatolóxicas que reinaron durante toda a fin de semana. 

A organización considera que o alto número de adegas e colleiteiros participantes (38 en total, nesta edición), así como as actividades paralelas (catas, showcookings, zona Food Trucks e de gastronomía, actuacións musicais, botella xigante, visitas guiadas e teatralizadas, zona infantil con monitores, etc.) e o RibeiroBUS, principal novidade deste ano e que tamén actuou como reclamo promocional nos días previos circulando polas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, fixeron que numerosos visitantes se sentiran atraídos polo acontecemento vitivinícola que ten lugar en Ribadavia e que complementa dun xeito atractivo a oferta vitivinícola, turística, cultural e gastronómica do Ribeiro. 

A organización xa está a planificar as diferentes melloras e novas actividades para poder superarse na seguinte edición da Feira do Viño do Ribeiro e que acade atraer a numeroso público para que continúe a gozar do Ribeiro e da cultura do viño.