
Gómez Noya realizará ademais, acompañado polos asistentes, un adestramento persoal ao redor das instalacións do centro comercial.
Para concluír, a Denominación ofrecerá unha degustación da carne que ampara. O programa de “Adestra duro, come tenro”, dará comezo ás 16:00 horas, coa recepción dos corredores e a entrega dos materiais, dando paso a unha firma de autógrafos na que Gómez Noya se fotografará cos participantes.
A continuación, dará comezo a masterclass, que se levará a cabo na Entrada 1 do centro comercial, seguida por un adestramento con Gómez Noya no Parque La Vaguada. Esta xornada de deporte e boa mesa, concluirá cunha degustación de carne de Ternera Gallega á prancha, a partir das 18:30 horas.
Os asistentes a este adestramento seleccionáronse a partir do sorteo que a IXP promocionou durante as últimas semanas desde as súas redes sociais. Esta actividade enmárcase dentro da campaña na que Gómez Noya e a Denominación se uniron para fomentar unha alimentación equilibrada e a práctica do deporte.
Desde o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que integra Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego, destácase a aposta polo deportista por representar os valores do traballo, o tesón, a competitividade e a perseveranza, tan arraigados na orixe, filosofía e saber facer dos gandeiros de carne galegos.
“A aposta pola alimentación sa e equilibrada, grazas a un produto de máxima calidade; polo deporte e polos hábitos de vida saudables, é unha constante no programa de Responsabilidade Social Corporativa das IXPs de Carne de Vacún de Galicia”, en palabras do seu presidente, Jesús González Vázquez.
Valores que comparte e aplica o triatleta galego nas súas rutinas diarias de traballo marcadas pola valentía, a tenacidade, a competitividade e o sacrificio. Javier Gómez Noya subliña que esta colaboración contribúe a enxalzar a súa figura e hónrao “como embaixador dunha marca de calidade e gran prestixio”.