Vinte anos do Aquarium Finisterrae

O coruñés Aquarium Finisterrae cumprirá, o vindeiro 5 de xuño, vinte anos desde a súa inauguración e apertura ao público. Co gallo desta efeméride, que coincide co Día do Medio Ambiente, os Museos Científicos Coruñeses ofrecen dende xa unha mostra conmemorativa sobre as exposicións e actividades que se celebraron ao longo destas dúas décadas na Casa dos Peixes, espazo que recibiu máis de cinco millóns e medio de visitantes nestes anos. 

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o director da Casa dos Peixes, Paco Franco, presentaron a exposición Aquarium Finisterrae: 1999-2019, unha iniciativa que, a través de 53 carteis correspondentes a outras tantas mostras temporais, dan conta da actividade producida no espazo municipal desde a súa inauguración. 

Na sala Isabel Castelo tamén estarán presentes os carteis das grandes producións interactivas que a sala Humboldt acolleu estes anos e que abranguen temáticas diversas, como o Mar Caribe, os cabaliños de mar, os cefalópodos, a acuicultura, a farmacoloxía vinculada ás especies mariñas ou a reprodución dos seres vivos acuáticos, Sexo azul, que se pode visitar na actualidade. 

Desde a súa inauguración --que coincidiu co 200ª aniversario da saída do porto da Coruña da expedición americana de Alexander von Humboldt--, o Aquarium Finisterrae produciu un total de 67 exposicións e recibiu máis de 5.550.000 visitas. 

A mostra Aquarium Finisterrae: 1999-2019 poderase visitar até o 30 de xuño, no seu horario habitual de apertura nestas datas, como é de 10.00 a 19.00 horas todos os días --o último acceso é unha hora antes do peche, as 18.00 horas--. Para máis información sobre as actividades vinculadas tanto ao Aquarium Finisterrae, coma á Casa das Ciencias ou Domus, pódese visitar o web www.coruna.gal/mc2.