Santiago resoará de novo coa música dos seus órganos

A cidade de Santiago porá en valor unha vez máis o seu patrimonio organístico a través do ciclo "De lugares e órganos", que se celebrará entre o 11 e o 20 de abril "coa vocación de afondar no imaxinario sonoro de Compostela, de coñecer a riqueza instrumental da nosa cidade e, ao tempo, de descubrir outras culturas".

O ciclo, que chega este ano á sua cuarta edición, foi presentado pola concelleira santiaguesa Branca Novoneyra e pola directora artística do programa, Belén Bermejo. Novoneyra asegurou que se trata de "reconstruír un imaxinario ao redor das paisaxes organísticas de Santiago" e que para iso se programarán non só concertos, senón tamén outras actividades paralelas, como "os itinerarios polo patrimonio organístico esquecido, proxeccións cinematográficas ou conversas con artistas". Todo "baixo a máxima de manter a atmosfera da espiritualidade, e co fin de descubrir a cultura musical cristiá pero tamén a musulmá". Lembrou tamén que "este ciclo é un paso máis alá do programa Músicas Contemplativas, e vai dirixido a un público similar".

A directora artística do ciclo, Belén Bermejo, explicou que De lugares e órganos naceu co obxectivo "de descubrir o patrimonio organístico e, con esa escusa, descubrir outras paisaxes invisibles de Santiago, de lugares que pasan desapercibidos para os visitantes pero tamén para a propia veciñanza de Compostela".

Dentro do ciclo De lugares e órganos están programados catro concertos, todos eles "protagonizados por artistas de primeira liña, con producións exclusivas para este programa e adaptadas para o patrimonio organístico de Santiago". O programa ábrese o sábado 13 de abril, coa actuación de Alkhodari, Frederiksen e Mendive na igrexa da Universidade. O recital será un encontro entre tres artistas diferentes de diferentes países, culturas e tradicións musicais, que mesturarán elementos representativos das relixións cristiá e musulmá.

Ao día seguinte, o domingo 14, a igrexa de San Paio será o escenario do concerto de Diego Ares, un músico galego cunha brillante traxectoria internacional como clavecinista. O martes 16 de abril, o ciclo trasládase á igrexa de Santa Clara, con Corina Marti, ao órgano e as frautas, e o contratenor Doron Shleifer. Trátase de dous nomes referentes no ámbito da interpretación da música antiga, que ofrecerán un repertorio centrado na Idade Media e no primeiro Renacemento.

O organista Marco Aurélio Brescia ofrecerá un concerto na igrexa de San Martiño Pinario o 17 de abril, cun programa que fará un percorrido a través de 150 anos polas músicas que se deberon interpretar na cidade dende o século XVIII. O ciclo De lugares e órganos pecharase o 20 de abril na igrexa da Universidade con Pedro Lamas, Germán Díaz, César Morán e Erea Blanco Balvís. No recital escoitaranse composicións escritas orixinariamente para órgano por autores do Renacemento e no primeiro Barroco, para seren reinterpretadas a través doutros instrumentos como o saxo, a zanfona ou o contrabaixo.

Ademais dos concertos, o ciclo De lugares e órganos trae outras moitas actividades. Entre elas destacan os "Itinerarios polo patrimonio organístico esquecido", que teñen como obxectivo percorrer os elementos do patrimonio organístico que aínda se conservan, activos ou silentes, e mesmo oculto en diferentes espazos da cidade. Nesta edición hai dúas saídas previstas: á Biblioteca Xeral da USC, o 11 de abril; e aos órganos de San Martiño Pinario, o 17 de abril. Ademais está prevista unha exposición bibliográfica cos fondos da Biblioteca Xeral da USC relacionados co patrimonio organístico e a industria organeira.

Nesta edición tamén se lle da continuidade ao programa O órgano sae á rúa, dirixido ás persoas que queiran afondar nos contidos da programación, coñecer de preto os artistas que participarán no ciclo. Así, na sala Numax está prevista a proxección da película Crónica de Anna Magdalena Bach o 15 de abril. No espazo enocultural Vide Vide!, o 12 de abril, está programado un encontro informal con Joel Frederiksen e Rebal Alkhodari, que ademais de conversar coas persoas asistentes teñen previsto ofrecer unha pequena actuación.