Risco de mildio nos viñedos de Rías Baixas

A Estación Fitopatollóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir un aviso fitosanitario extraordinario tras detectar, esta mesma mañá, a primeira mancha de mildio nunha das parcelas de seguimento. Concretamente, a mancha foi detectada nunha parcela situada en Goián, no Rosal, e o persoal técnico asegura que, polo momento, é a única mancha da parcela e que só ten unha esporulación moi incipiente.

Ante a aparición desta primeira mancha, o persoal técnico da EFA advirte que, en canto mellore o tempo, progresará a enfermidade. Por este motivo, aconsellan estar moi pendentes da climatoloxía e tratar en canto se poida, isto é, en canto haxa unha ausencia de precipitacións que se manteña durante unhas horas. En todo caso, tamén insisten na conveniencia de engadir un mollante para facilitar a adherencia do produto á vexetación.

Hai que lembrar que xa no aviso fitosanitario da semana pasada, desde a EFA indicaban que a actual climatoloxía, con precipitacións e humidade elevada, supón un momento sensible da fenoloxía da vide. Ante esta situación, aseguraban que o máis acaído era protexer as viñas de xeito preventivo antes de que se iniciase este período de precipitacións. 

No momento actual, se non se teñen aplicado os tratamento preventivos antes das choivas, a recomendación é facelo agora en canto a climatoloxía o permita. Doutra banda, se o que se está a facer son seguimentos nas parcelas na procura da primeira mancha –que soe, aínda que non sempre, aparecer nas follas da base do gromo–, estes deben ser o máis reiterados posible nestes días húmidos e con choiva.