Promoción da Festa do Melindre nas escolas de hostalaría

O Concello de Melide continua coa promoción da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional e coa posta en valor dos seus doces a través dunha acción formativa que terá lugar, durante todo o mes de abril, nalgunhas das principais escolas de hostalaría de Galicia.

A acción, un obradoiro práctico deseñado especialmente para alumnos de panadería, repostaría e confeitaría; permitirá aos estudantes coñecer de primeira man os ricos, os melindres e os amendoados. Así, poderán descubrir a calidade dos ingredientes destes produtos tradicionais, traballar coas diferentes masas e tempos de forno, e tamén experimentar coas propiedades de cada un para a elaboración de novas sobremesas e petiscos doces.

Esta ruta formativa comezou onte no CIFP Compostela, a mítica escola de hostalaría de Santiago, cun primeiro obradoiro que foi impartido polo mestre artesán e presidente da Asociación de Repostaría Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez. Xunto a el, os alumnos de Lamas de Abade elaboraron tres sobremesas con base non doces melidenses: Dalky invertido de amendoados, chocolate e nata neutra; babá de licor café e polvo de melindres; e crumble de ricos con froitos vermellos.

A alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, quixo resaltar ao comezo destas xornadas a “aposta feita dende o Concello de Melide pola súa festa e pola difusión dos seus doces”, destacando a importancia de “achegar e transmitir aos estudantes de hoxe, que serán os cociñeiros destacados de Galicia nun futuro próximo, a formación e os coñecementos da repostaría de Melide”, que conta con centos de anos de tradición pero que, como xa quedou demostrado, “pode ser re inventada e aplicada con facilidade á máis alta cociña, ou desfrutada do xeito tradicional en cada sobremesa galega”.

Trala visita ao CIFP Compostela, os obradoiros de repostaría melidense continuarán a súa ruta o vindeiro luns 8 de abril no IES Fragas do Eume de Pontedeume e na EFA Piñeiral de Arzúa; e o martes 23 no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. Todo isto antes da celebración da XXVIII edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, evento de Interese Turístico de Galicia que este ano terá lugar os días 11 e 12 de maio en Melide.