Ponte Caldelas acolle un curso de apicultura

A Deputación de Pontevedra está a desenvolver en Ponte Caldelas a parte presencial do curso formativo A Apicultura Moderna e Sostible, enmarcado no proxecto "DepoApicultura", e que se desenvolve ata setembro. Esta iniciativa tamén ten unha formación on line, que se desenvolve ata setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas. 

"DepoApicultura" é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. 

Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas. Entre outros contidos, poderán achegarse, por exemplo, ás técnicas para a extracción do mel, a elaboración de produtos derivados do mel, os métodos para a cría masiva de raíñas ou a situación e orientación das colmeas.

O proxecto "DepoApicultura" inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Só cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Ponte Caldelas, teñen cabida tamén en Salceda de Caselas e no Rosal. 

Tanto os cursos presenciais coma os mixtos contan con sesións teóricas e prácticas. En canto á teoría, a formación céntrase na apicultura moderna e na elaboración de plans empresariais, nas estratexias de busca de emprego e na preparación do CV. Pola súa banda, as sesións prácticas abordarán cuestións relativas ao estado das colmeas, á súa división, á preparación da colmea incubadora, á cría masiva de raíñas, á revisión e colocación de alzas, á extracción do mel, á profilaxe e tratamentos sanitarios e á elaboración de produtos derivados do mel.