As Montañas de Trevinca-A Veiga poderanse coñecer a través dun variado plan de actividades chamado Pena Trevinca "Paraíso Natural" que ten como obxectivo ofrecer aos turistas diferentes iniciativas tódolos meses do ano para gozar da natureza con calidade.
Na presentación do programa participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente e o vogal do Club "Montañas de Trevinca", Antonio González e Juan J. Lorenzo Veigas. O representante da deputación puxo en valor un programa relacionado co territorio, con actividades "dirixidas a tódolos públicos para coñecer, sentir e protexer as Montañas de Trevinca – A Veiga , o teito máis alto de Galicia, poñendo en valor o seu potencial natural, cultural, científico e deportivo", dixo o vicepresidente do goberno provincial.
Con este plan, "o máis ambicioso feito ata o momento, queremos ofrecer un turismo de montaña de calidade con xente formada e con persoas que amen a natureza. Para elo, ofreceremos tódolos meses do ano diferentes actividade como raquetas de neve, ruta ornitolóxica, alpinismo, a berrea dos cervos, contacto directo ca fauna, actividades en definitiva que non se poden realizar en ningún outro territorio", sinalou o alcalde da Veiga, quen lembrou que o obxectivo é que "por historia e por xustiza sexamos o referente do turismo sostible de Galicia".
Pola súa parte, Antonio González explicou que a finalidade desta iniciativa é posicionar as Montañas de Trevinca-A Veiga como o "referente galego do turismo de montaña sostible nun entorno natural único, a partir dos seus valores tanto naturais como culturais ou científicos", explicou Antonio González. As actividades deportivas, culturais, científicas e medioambientais desenvolveranse ao longo do ano, unha por mes, tendo en conta a estacionalidade anual, deste modo, en inverno as actividades centraranse en temas de sendeirismo e montañismo invernal; na época da primavera haberá unha ruta ornitolóxica e a ruta do volframio, por exemplo, entre outras propostas "de calidade, para que Ourense sexa referente neste tipo de actividades pensadas para sentir, coñecer e protexer a nosa montaña e a nosa natureza", destacou Antonio González.