Os viños de Valdeorras á conquista de Santander

O Gran Casino de Santander, un dos espazos máis recoñecibles e singulares da capital cántabra, réndese durante todo o día de hoxe aos encantos dos viños de Valdeorras. Faino no marco dunha iniciativa denominada Experiencia Verema, na que participan 18 adegas e 32 marcas de brancos e tintos do noso territorio amparado. 

“O norte de España sempre foi un mercado moi relevante en termos de penetración dos nosos viños”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando. “Con esta iniciativa, apostamos por afianzar a nosa presenza neste ámbito xeográfico e facémolo da man de Verema, entidade que aglutina unha das comunidades de aficionados ao viño e á gastronomía mais representativas do mundo de fala hispana, con máis de 74.000 usuarios rexistrados”. 

Ao longo da xornada de hoxe está previsto que se acheguen ata o Gran Casino de Santander potenciais prescritores de relevancia para os viños valdeorreses tales como xornalistas especializados, sumilleres, restauradores e chefs ou distribuidores. 

Esta primeira Experiencia Verema completarase con outros tres actos de similares características que se celebrarán ao longo do ano nas cidades de Santiago de Compostela, Madrid e Barcelona. A idea última que perseguen estes eventos é -segundo García Pando- a de “visibilizar os nosos viños” e “situar as actividades promocionais no epicentro da acción do Consello Regulador”.