O Museo de Pontevedra quere "abrir o foco" cara a sociedade

O novo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey está convencido de que a sociedade é consciente do seu capital simbólico, pero está convencido de que pode converterse nunha "institución máis grande do que é nestes momentos".

Así o indicou tras reunirse coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, adiantando que pretende "manter a súa esencia pero mirando máis lonxe, abrindo o foco, apostando polas liñas dos grandes referentes do país: a calidade, a innovación, a xeración de ideas e a conversión do Museo nunha factoría de coñecemento, de emocións e de experiencias".

Rey García tamén declarou que o seu primeiro paso "vai ser coñecer profundamente a situación do Museo, e logo comezar a planificar o futuro inmediato". Entre as liñas xerais que mencionou durante a súa intervención, están as de "reforzar a participación, o debate crítico e a inclusión social na que todas as persoas se vexan reflexadas no Museo". Así mesmo, puxo o foco "en mellorar a accesibilidade non só física, senón cognitiva e sensorial para que todo o mundo poida visitar o Museo en condicións de igualdade", así como na creación de sinerxías.


Pola súa banda, Carmela Silva, xunto ao deputado de Cultura, Xosé Leal, amosouse confiada de que o novo director "con toda a súa traxectoria, é unha garantía de moitas primaveras, veráns, outonos e invernos marabillosos". A presidenta comprometeu o apoio do organismo provincial, aproveitando para salientar que "hoxe, a cultura, é un elemento fundamental de atracción de visitantes e o Museo ten que ser o corazón desa atracción". Engadiu que "é un dos museos máis importantes do Estado. É unha institución que contén toda a nosa historia e tamén a dos pobos cos que nos relacionamos. Ademais, é un instrumento fundamental para que a cultura se converta nunha potencialidade e nun instrumento de desenvolvemento da provincia".