O festival da Ribeira Sacra volve con Kevin Johansen, Marem Ladson e Enric Montefusco

O Festival 17º da Ribeira Sacra volve este verán coa súa terceira edición, con Kevin Johansen, Marem Ladson e Enric Montefusco confirmados como cabezas de cartel. O festival terá lugar do 18 ao 21 de xullo en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada, Sober. 

A idea é mesturar a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. “Eses son os catro eixos do festival co que propoñemos unha experiencia ao redor da música en directo, do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra” apuntou o seu director Carlos Montilla durante a súa presentación.

A programación inclúe concertos no Parador de Monforte, no Miradoiro de Santiorxo, na Praza de España de Chantada, no Catamarán de Doade, nas Adegas Regina Viarium, Vía Romana e Algueira, e na Reitoral de Gundivós.

Ademais das novas confirmacións no apartado musical, nas próximas semanas iranse dando a coñecer as novidades dun programa que ofrecerá de novo concertos na natureza, catas de viños, directos en catamaráns e adegas, visitas guiadas, rutas, cociña de autor e moitas outras sorpresas.

Carlos Montilla subliñou que “é un cartel moi variado, dirixido a todo tipo de públicos e gustos, sobre todo para as familias, e no que os asistentes poderán ver en directo a artistas como Kevin Johansen, Enric Montefusco ou Marem Ladson e moitos máis, que fan desta, unha terceira edición moi potente”. 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos aproveitou para recordar que “un ano máis, convertemos á Deputación na principal administración patrocinadora do evento, ao igual que o fixemos dende a súa creación, pois queremos consolidalo como un dos referentes musicais xa non só de Galicia, senón de España. E facémolo porque confiamos no enorme potencial que ten acadado para a zona da Ribeira Sacra, pero tamén para o conxunto da provincia, como elemento de dinamización social, cultural, económica e turística do noso territorio. Por iso nos sumamos dende un primeiro momento a esta iniciativa, pois é unha oportunidade única á que non lle podiamos dar as costas”. 

CARTEL DE TALLA INTERNACIONAL

O arxentino Kevin Johansen é un dos artistas máis interesantes da música latinoamericana nas últimas décadas. De nai arxentina e pai norteamericano, Johansen viviu nos dous extremos do continente americano e a súa música nútrese de influencias de ambas as partes. Pop, rock, canción popular latinoamericana e cumbia mestúranse nas composicións dun artista que leva a mestura cultural á súa máxima expresión. Sen dúbida que a súa presenza no Festival 17º Ribeira Sacra será unha magnífica oportunidade de gozar máis de preto dun dos artistas latinoamericanos máis destacados e que ao longo do seu xa longa traxectoria colaborou con artistas como Lila Downs, Natalia Lafourcade ou Lisandro Aristimuño, entre moitos outros.

Enric Montefusco foi un dos fundadores e líder da banda barcelonesa Standstill en 1997 e desde a súa desaparición en 2015 xa gravou dous discos en solitario. A súa traxectoria musical caracterízase polo risco e na súa nova etapa en solitario afastouse dos estándares do indie para apostar por un achegamento aos ritmos máis populares.

A mestura cultural tamén está moi presente en Marem Ladson, artista nada en Ourense e filla dun ex xogador norteamericano de baloncesto do equipo da cidade. Deu os seus primeiros pasos como cantante no coñecido Café Torgal da capital ourensá. En 2017 dá un paso importante na súa carreira ao gañar o concurso de bandas emerxentes do festival DCode. En 2018 presentou o seu disco de debut homónimo, cheo de cancións pop coloridas con influencias do folk, e xa houbo ocasión de vela no Festival 17º Ribeira Sacra dese ano cando realizou unha actuación sorpresa para un público moi reducido a bordo do catamarán.