Nace unha nova marca para promocionar o turismo transfronteirizo con Portugal

"Un río, dous países, grandes experiencias" é o claim elixido para acompañar a nova imaxe da marca ‘Rio Minho' que se presentou no Parador de Tui, nun acto que contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; do vice director do AECT Rio Minho, João Fernando Brito Nogueira; e do director da AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez.

Coa creación desta marca, explicou Benítez, "daremos a coñecer e poremos en valor todas as riquezas e patrimonio do territorio do Río Miño Transfronteirizo. Dende Crecente e Melgaço, ata a desembocadura do Miño, temos un territorio cheo de atractivos". Segundo afirmou "A marca ‘Río Miño' é o conxunto de todas estas riquezas, da nosa oferta cultural, de ocio, gastronómica e turística, das que nos temos que sentir moi orgullosos e orgullosas como miñotos e miñotas".

A marca responde a unha visión "supramunicipal e transfronteiriza do turismo". Cada un dos concellos e cámaras municipais que comprenden o territorio do Río Miño Trasfronteirizo "son interesantes por si sos e teñen moito que ofrecer, pero cando sumamos, obtemos un destino único, orixinal e diferente que nos coloca na vangarda do turismo actual e nos fai destacar sobre o resto".

"Durante séculos, ser fronteira confinounos a estar na marxe pero hoxe en día, ser fronteira é precisamente un dos nosos maiores incentivos para quen nos visita. Temos unha identidade e unha personalidade propia, aquí somos de Galiza e de Portugal, pero sobre todo somos miñotos e miñotas, e algo que para nós é tan natural, fascina a quen nos visita". Precisamente, segundo explicou Benítez, "este carácter transfronteirizo é o que nos fai especiais e debemos velo así, e aproveitar todo o noso potencial turístico para desenvolver economicamente o territorio".

"A marca Río Miño é unha marca de identidade, a marca dun territorio transfronteirizo que ten carácter propio. A nosa gastronomía, os nosos viños, a nosa historia, as pesqueiras, as fortalezas, os festivais de cinema, os de música, os parques... todo iso engloba a marca Rio Miño, porque todo iso somos nós".

O evento de presentación estivo conducido pola blogueira de viaxes portuguesa Zara Quiroga e polo actor galego Suso Pando, e contou coa presenza de numerosos representantes institucionais, culturais e turísticos do territorio, así como dos principais organismos públicos galegos e portugueses.

A marca ‘Rio Minho', froito dun rigoroso estudo, é un produto contemplado no proxecto Visit Rio Minho para potenciar a visibilidade do territorio transfronteirizo do río Minho como destino ecoturístico de calidade, así como para incentivar a súa preservación e valorización.

Unha historia milenaria

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que co nacemento desta marca estamos "facendo historia" e lembrou o pasado milenario deste territorio que, xunto co mediaterráneo, foi un dos focos económicos e sociais máis importantes do mundo. Neste sentido apuntou precisamente á relevancia do río Miño, "o noso río pai" que non debemos ver como fronteira nunca máis senón unión. Temos unha obriga con esta xeración e coas que van a vir: a obriga de manter este patrimonio cultural, lingüístico, histórico, económico, social que recibimos e dalo a coñecer.

A presidenta aproveitou a ocasión para reivindicar que os fondos europeos para desenvolvemento transfronteirizo se invistan realmente na fronteira e permitan levar adiante proxectos como este Visit Rio Minho que repercutan positivamente no territorio. Por último, Silva dixo sentirse tamén un pouco miñota, con moito orgullo.

Pola súa banda, o vide director do AECT Rio Minho e presidente da Camara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Joao Brito Nogueira, destacou que esta é "unha marca secular, sobradamente coñecida e recoñecida mundialmente, con un potencial económico, cultural, ambiental e turístico inigualable. Aludindo a un perfil de turista cada vez máis esixente, Nogueira asegurou estar diante "un diamante que precisa de ser pulido, e esta acción vén dar corpo, dar sustentabilidade a esta idea, a través dos elementos diferenciadores de cada concello, e contribuír enriquecer esta marca tan singular." O río Minho ten o que se pode denominar unha simbiose perfecta que merece ser compartida con todo o mundo, e esta marca ven aportar máis competitividade, atractivo e conectividade", concluíu.