Monforte prepara a súa declaración medieval in vino veritas

A Feira Medieval de Monforte de Lemos, consolidada e en constante crecemento dende a súa primeira edición en 2003, celébrase no centro histórico na Semana Santa, os días 20 e 21 de abril en torno á praza de Santa Clara, praza Doutor Goyanes, rúa Comercio, praza de España e rúas próximas a esta que ascenden cara o monte de San Vicente do Piñeiro.

Os comercios engalánanse con decoración propia do medievo e os vestidos que portan elegantemente veciños e visitantes lembran tamén esta interesante e intensa época histórica medieval. Produtos artesanais, e gastronómicos destacando nestas datas de cuaresma as empanadas de congro, bacallao e zamburiña e como non os pans artesáns en forno de leña. E animación de rúa, cunha infinidade de personaxes da época medieval que nunca deixan indiferente ás moitas persoas que acoden ao evento.

Tamén destacan outros actos que evocan eventos importantes xa no medievo como as exhibicións de
cetrería, as xustas nas que compiten cabaleiros no campo dos Escolapios, os espectáculos nocturnos de gran vistosidade da praza de España, diferentes exposicións relacionadas con esa época e tamén actividades para mergullar ao público infantil neste apaixonante momento, así como obradoiros nos que poden participar xente de todas as idades.

A Feira Medieval de Monforte de Lemos é un modo divertido e ao mesmo tempo interesante de coñecer o patrimonio da cidade, especialmente o destacado conxunto da fortaleza e muralla medieval e achegarse a un pasado que deixou fonda pegada na nosa historia.