Medio Rural apioa ás empresas que se dan cita no Salón del Gourmet

A Consellería do Medio Rural apoia ás empresas agroalimentarias galegas que participan na 33º edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, Gourmets, que se celebra estes días en Madrid. 

Ata alí desprazouse o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, onde destacou a importancia destes certames para dar a coñecer os produtos galegos de calidade e poder así ampliar mercado fóra das nosas fronteiras. Manuel Rodríguez visitou as 23 empresas que participan nesta feira co apoio da consellería. Así, están presentes representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. 

Ademais, o director tamén se achegou ao posto da denominación de orixe Rías Baixas, onde están representadas unha decena de bodegas, e visitou aquelas entidades que acoden de xeito independente a esta feira agroalimentaria. Manuel Rodríguez insistiu no potencial que teñen os 35 selos de calidade galegos, recoñecidos xa a nivel nacional e internacional grazas ao traballo dos consellos reguladores e da aposta decidida das empresas que ven no mercado exterior unha saída a estes produtos. 

Así, no posto que ten a Consellería do Medio Rural en Gourmets estanse levando a cabo unha serie de degustacións, da man dos distintos consellos reguladores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Nesta liña, está prevista a cata dos catros queixos con selo de calidade, acompañados con viños das DOs Monterrei e Ribeira Sacra, unha degustación de produtos do Craega e outra dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. 

Pola súa banda, o Consello Regulador de Carne de Vacún de Galicia, onde están representadas as IXP Vaca e Boi Galego e a Ternera Gallega, tamén ofrece un extenso programa de actividades con chefs galegos de renome, tal como Héctor López ou Oliver Fernández.