Martín Códax recolleu o Premio Fulget


Bodegas Martín Códax recolleu o Premio Fulget, un galardón que concede a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) co que se recoñece a súa colaboración en accións que buscan mellorar as relacións entre a actividade económica e o entorno profesional. O director xeral de Martín Códax, Juan A. Vázquez Gancedo, foi o encargado de recoller o galardón, acto enmarcado dentro do programa da festividade do patrón da facultade, San Vicente Ferrer. 

Na súa intervención, Juan A. Vázquez asegurou que recibir este galardón é toda una honra para todos os membros da cooperativa, así como tamén o é pasar a formar parte da lista de empresas premiadas pola Facultade. Vázquez aproveitou tamén para realizar un agradecemento especial ao xurado, así como tamén ao Grupo de investigación innovación, cambio estrutural e desenvolvemento (ICEDE) que dirixe Xavier Vence, quen presentou a candidatura da bodegaá que se adheriu posteriormente o Máster de Comercio Exterior (Mascomex).

O director xeral de Martín Códax destacou que se trata do segundo ano consecutivo no que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais decide premiar a unha cooperativa, tras conceder o galardón a Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Asegurou que “o cooperativismo segue a ter moito que aportar (...), traballamos para deixarlle aos nosos fillos un mundo mellor que o que nos deixaron, e mostrarlles que poden vivir dignamente da agricultura e a gandería galegas, que é un tremendo patrimonio”.

Para lograr levar a cabo todos os proxectos, en Martín Códax teñen moi claro que é preciso “contar coas novas xeracións, cada vez más formadas e preparadas para dar resposta ás demandas dos consumidores”, por iso dende a cooperativa non só contan cada vez cun equipo máis novo, se non que tamén colaboran coa comunidade académica con diferentes iniciativas para contribuír á formación e á experiencia dos futuros profesionais.

Na decisión do xurado foi determinante a clara aposta da cooperativa pola innovación e a sustentabilidade, a través da súa labor de investigación en numerosos proxectos de I+D+i tanto propios como realizados con outras entidades e adegas a nivel nacional e internacional. Con este galardón, o xurado tamén busca destacar o apoio que da cooperativa á vida cultural e artística galega a través das diferentes iniciativas e patrocinios culturais que realizan ao longo do ano entre os que destacan os Premios Martín Códax da Música (que dará a coñecer aos finalistas nunha gala en bodega o vindeiro 24 de abril), o ciclo Os Xoves de Códax(que este verán sumará a oitava edición) ou o Outono Códax Festival.

Na súa intervención, Juan A. Vázquez afirmou que na cooperativa “destinamos gran parte dos nosos recursos á investigación e á lograr a sustentabilidade ambiental, a través de proxectos tanto propio como colectivos con outras entidades e bodegas a nivel nacional e internacional, todo para lograr adaptarnos ao cambio climático e una viticultura sostible”.



Este galardón súmase aos últimos outorgados á cooperativa, entre eles o Premio Pyme Carrefour á empresa máis innovadora de Galicia 2018, Mellor Bodega do Ano por Vivir el Vino 2018, Mellor Grupo Cooperativo pola guía Sin Mala Uva 2016, e Mellor Xestión en I+D+i 2016 outorgado polos Premios Empresariais da publicación especializada Mercados del Vino y la Distribución.