Martín Códax recibe o premio Fulget

Bodegas Martín Códax segue sumando recoñecementos. Esta vez é a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) quen, a través do Premio Fulget 2018, recoñece a súa colaboración en accións que buscan mellorar as relacións entre a actividade económica e o entorno profesional. 

O Premio Fulget é un galardón de periodicidade anual que concede a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC dende o ano 2008. A comisión de Actividades Complementarias á Docencia (ACD) da Facultade, encabezada pola vicedecana de Relacións coas Empresas e Institucións, María Rosario Vidal Lopo, e composta tamén por dous representantes do profesorado, un estudante e un representante do PAS, équen escolle a candidatura gañadora, quelogo é ratificada pola Xunta da Facultade. 

Dende a súa creación, o premio foi concedido a empresas como Finsa ou Televés, entre outras, sendo este o segundo ano consecutivo que outorgan este recoñecemento a unha cooperativa, despois de premiar a Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) na pasada edición. 

A candidatura de Bodegas Martín Códax foi presentada polo Grupo de investigación innovación, cambio estrutural e desenvolvemento (ICEDE) que dirixe Xavier Vence, pola colaboración da cooperativa co Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación (Máster DEIN),candidatura á que se adheriu o Máster de Comercio Exterior (Mascomex). 

Este ano o xurado decidiu premiar á cooperativa Bodegas Martín Códax, ademais de pola súa colaboración co ámbito académico, pola súa clara aposta pola innovación e a sustentabilidade, a través da súa labor de investigación en numerosos proxectos de I+D+i tanto propios como realizados con outras entidades e adegas a nivel nacional e internacional. Con este premio, o xurado tamén busca destacar o seu apoio á vida cultural e artística galega a través das diferentes iniciativas e patrocinios culturais que realiza a cooperativa ao longo do ano entre os que destacan os Premios Martín Códax da Música, o ciclo Os Xoves de Códax ou o Outono Códax Festival. 

O director xeral de Bodegas Martín Códax, Juan A. Vázquez Gancedo, será o encargado de recoller o galardón o próximo luns 8 de abril, dentro dos actos de celebración do patrón da Facultade, San Vicente Ferrer.Durante a xornada entregaranse ademais outros galardóns académicos e artísticos, como os Premios académicos do curso 2017-2018, o Premio á calidade lingüística ou o Premio María del Carmen Lorenzo Díaz. 

Este galardón súmase aos últimos outorgados á cooperativa, entre eles o Premio Pyme Carrefour á empresa máis innovadora de Galicia 2018, Mellor Bodega do Ano por Vivir el Vino 2018, Mellor Grupo Cooperativo pola guía Sin Mala Uva 2016, e Mellor Xestión en I+D+i 2016 outorgado polos Premios Empresariais da publicación especializada Mercados del Vino y la Distribución.