Lírica medieval para redescubrir Compostela

Un grupo de investigadores vinculado á Universidade de Santiago e co apoio do concello acaba de presentar o novo Roteiro Virtual da Lírica Medieval, unha iniciativa que propón redescubrir Compostela a través de cantigas galego-portuguesas que nos guiarán por lugares referencias da capital de Galicia. 

Na web roteiroliricamedieval.gal recóllense referencias aos autores medievais que mencionan Compostela nas súas cantigas ou que están ligados á cidade, reprodúcense os seus textos permitindo coñecer os lugares referenciados neles a través de vídeos. Está previsto que nunha próxima fase se inclúan tamén as versións musicais das cantigas.

O Roteiro Virtual da Lírica Medieval foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto co equipo científico responsable da web, composto por Yara Frateschi Vieira, profesora da Universidade Estadual de Campinas, en São Paulo; María Isabel Cabanas, da Universidade de Santiago; e José Antonio Souto Cabo, tamén da USC. Tamén participaron na rolda Janaína Marques, da USC, coordinadora dos traballos, e a artista María Meijide, quen elaborou o mapa artístico da web.

A concelleira de Acción Cultural mostrou a súa satisfacción por "poder presentar por fin o resultado dun longo traballo, e facelo ademais na véspera do 23 de abril, Día do Libro". Branca Novoneyra apuntou tamén que "este traballo é un complemento perfecto para o traballo que se vén desenvolvendo para configurar o mapa literario de Compostela".

O Roteiro Virtual da Lírica Medieval permítenos redescubrir espazos de Compostela que foron referenciados nas súas cantigas por unha vintena de trobadores, como Airas Nunes, Joán Airas de Santiago, Pai da Cana ou Afonso Eanes de Cotón. Novoneyra lembrou que "nos séculos XII e XIII, Santiago xogaba un papel determinante como centro relixioso, político e cultural; era punto de encontro e de difusión das correntes intelectuais e artísticas de Europa; e polo tanto coa cidade mantiñan fortes vínculos os trobadores, vinculados en moitos casos ás familias nobres ou á Igrexa". É por iso que nas cantigas medievais, apuntou a edila, "aparecen constantes referencias a lugares de Compostela como a Catedral e as súas prazas, as rúas do Franco ou da Raíña, o Arco de Mazarelos, a Colexiata de Sar, Bonaval, San Martiño Pinario ou a igrexa de Santa María Salomé". Ademais, no Roteiro Virtual da Lírica Medieval recóllense lugares próximos a Santiago tamén referenciados nas cantigas medievais, como as igrexas de San Simón de Ons, en Cacheiras; de Santa María de Lampai; ou San Salvador de Bastavales.

A profesora Yara Frateschi explicou que esta web "é o resultado de moitos anos de traballo do equipo investigador responsable, traballo que previamente se materializou na publicación de varios libros dirixidos a un público máis especializado, fronte a este recurso que está pensado para un público máis variado".