Fisterra, celebrando a alegría da Resurrección

Moitas das celebracións relixiosas en torno á Semana Santa céntranse nos momentos máis duros da paixón, no recordo do sacrificio e sufrimento de Cristo durante o calvario. Pero en Fisterra quédanse co momento de triunfo, se por algo destaca a celebración da súa Festa do Santo Cristo é pola importancia que lle dan á celebración da Resurrección.

Por suposto, a paixón tamén está representada. De feito a implicación das cinco confrarías compostas por 800 persoas e de prácticamente todo o pobo permiten artellar un completo programa que combina a exhibición de imaxes seculares con representacións teatralizadas nas que participan ata 300 figurantes.

Son dignas de ver escenas como a Última Cea ou o Desencravo na igrexa románica de Santa María das Areas. Pero é o Domingo de Pascua cando os veciños botan o resto coa representación da chegada das desconsoladas mulleres ao sepulcro e o anuncio da Resurreción por parte do anxo. Un momento que desencadea unha verdadeira explosión de xúbilo entre os presentes: repican as campás, sóltanse pombas, bótanse fogos de artificio… Alegría desbordante que culmina coa danza dos paos na honra da Virxe María, unha danza tradicional que se remonta ao s.XIII.

Todo complementado cun programa lúdico que da comezo ás dez da noite do sábado, despois dunha semana de piadosa contención e que ten confirmadas orquestas de renome como a New York para o sábado e a Panorama para o Domingo.